ABANCA e Afundación ceden unha nave a AGA-Ucraína para almacenar as doazóns
- O local de 1.000 metros cadrados está no Polígono de Pocomaco e habilitouse como sede da Asociación Galega de Axuda a Ucraína
- Dépor e Celta reuniron 800 quilos de material de apoio aos cidadáns e refuxiados nos seus partidos da fin de semana
- ABANCA e a súa Obra Social dispoñen dunha conta solidaria para recadar fondos que irán destinados a Cruz Vermella e Save the Children
ABANCA e Afundación cederon e habilitaron unha nave de 1.000 metros cadrados situada no Polígono de Pocomaco (A Coruña) á Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA- Ucraína). A organización, creada por mor da crise humanitaria provocada polo conflito militar, ten como obxectivo recoller e enviar axuda material ao país, así como facilitar a chegada e acollida de persoas refuxiadas.
O banco e a súa Obra Social acondicionaron o local cedido co mobiliario, os equipos informáticos e os servizos de comunicación necesarios para que poida ser utilizado pola asociación como almacén central de recollida do material reunido a través das doazóns e tamén como sede para o seu traballo diario.
O apoio ás actividades de AGA-Ucraína súmase ás diferentes iniciativas postas en marcha polo banco e Afundación o pasado xoves co fin de contribuír a paliar a crise humanitaria provocada pola agresión militar que está a sufrir o país.
Entre as medidas adoptadas destaca a disposición da Obra Social ABANCASerás redirixido a outro sitio web para canalizar as accións de axuda ao pobo ucraíno que poidan xurdir desde asociacións culturais, colectivos sociais e clubs deportivos galegos a través do correo electrónico ayudaparaucrania@afundacion.org.
O R.C. Deportivo e o R.C. Celta foron os primeiros en sumarse a esta campaña solidaria promovendo a recollida de alimentos e material sanitario nos partidos disputados a pasada fin de semana nos seus estadios. A colaboración dos afeccionados e afeccionadas de ambos os equipos permitiu reunir 800 quilos de material solidario, principalmente comida enlatada e conservas, alimentos infantís, produtos hixiénicos e medicinas.
As accións impulsadas ata o momento por ABANCA e Afundación complétanse coa apertura da conta solidaria ES80 2080 7208 3385 3000 7122 para recadar fondos que irán destinados a Cruz Vermella e Save the Children, a gratuidade das transferencias que se realicen desde España a Ucraína, a invitación a 140 nenos e nenas ucraínas para pasar os meses de xullo e agosto na Residencia de Estudantes de Pontevedra, e o aproveitamento da infraestrutura creada para o programa Cultura por Alimentos para a recollida de material nos espazos de Afundación.