ABANCA e Afundación celebran o Día Mundial do Medio Ambiente
- Os voluntarios do banco e a súa obra social participan este sábado nunha xornada de limpeza de especies exóticas invasoras na illa de Ons
- Tamén con motivo deste día, o Centro Interactivo de Educación Ambiental da Obra Social ABANCA, Naturnova, celebra unha xornada de portas abertas
ABANCA e a súa obra social, Afundación, súmanse á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, que tivo lugar o pasado 5 de xuño, con varias actividades para concienciar sobre a importancia de protexer e conservar o noso planeta este sábado.
Máis de cen voluntarios da Obra Social de ABANCA daranse cita no porto de Portonovo ás 10 da mañá para poñer rumbo á emblemática illa de Ons, onde colaborarán na eliminación de especies exóticas invasoras. Durante a xornada, os voluntarios tamén participarán nunha ruta interpretativa para poñer en valor a riqueza paisaxística, faunística e botánica da zona.
Esta actividade enmárcase dentro do proxecto ‘Traballando pola mellora do patrimonio natural’ do banco e a súa obra social, que conta coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat e que inclúe distintas actividades para a posta en valor e conservación do medio natural.
Dentro deste proxecto, os voluntarios do banco e a súa obra social acoden regularmente ás praias galegas co obxectivo de axudar na limpeza de residuos. Grazas a estas accións, conseguíronse recoller 1.669,2 Kg no que vai de ano.
Xornada de portas abertas en Naturnova
A celebración do Día Mundial do Medio Ambiente complétase ademais cunha xornada de portas abertas en Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental que Afundación ten en Vigo. O sábado, de 17.30 a 20.30 horas, as instalacións abriranse a todos para descubrir o fondo das rías en submarino, os segredos dos planetas ou o funcionamento das enerxías renovables. Todo a través de módulos interactivos, obxectos, cheiros, recreación de ambientes e mapas que contribúen a difundir a importancia do mundo que nos rodea.