ABANCA e Afundación conmemoran o Día da Educación Financeira con actividades que favorecen a inclusión financeira de maiores e escolares
- A efeméride coincide co inicio do programa de educación financeira que desenvolverán durante o curso 2023-2024
- A principal novidade será o lanzamento dunha edición para maiores do programa de ciberseguridade ‘Pon o teu diñeiro a salvo’
- O curso pasado, as actividades organizadas chegaron a 201.169 persoas, cun incremento do 44% respecto ao período 2021-2022
ABANCA e Afundación sumáronse hoxe á celebración do Día Nacional da Educación Financeira que promoven o Banco de España e a CNMV cunha serie de actividades dirixidas a mellorar a inclusión financeira de escolares e persoas maiores. En concreto, persoas voluntarias de ABANCA e Afundación impartiron dúas sesións de formación e capacitación dixital de persoas maiores nos municipios rurais de Vilariño de Conso (Ourense) e Borrenes (León), 45 escolares do CEIP de Mosteiro-Bembrive (Vigo) gozaron aprendendo co Gran Prix Financeiro e estudantes de 4º de ESO do Colexio San José de la Guía (Vigo) participaron nun taller sobre emprendemento.
Estas accións marcan de maneira simbólica o inicio do programa de educación financeira que van desenvolver o banco e a súa Obra Social ao longo do curso 2023-2024. As diferentes iniciativas que comprende o programa chegaron o curso pasado a 201.169 beneficiarios, unha cifra récord que supón un incremento do 44% no número de participantes respecto ao período 2021-2022.
Ademais, para contribuír a divulgar a importancia de contar coa formación adecuada para xestionar a nosa economía desde a infancia, ABANCA e Afundación colaboraron co Grupo COPE para que a educación financeira centrase hoxe a sección ‘Los niños y Jimeno’, do programa ‘Buenos días, Javi y Mar!’ que se emite en Cadea 100.
Durante este mes organízase tamén o concurso ‘A Galaxia Financeira’ no blogue de ABANCA ‘Cuentas claras’, no que as persoas interesadas poden poñer a proba os seus coñecementos financeiros e gañar ata tres tarxetas regalo. As actividades vinculadas ao programa prolongaranse ao longo de todo o curso escolar. Combinaranse iniciativas presenciais con outras en formato dixital para poder chegar ao maior número de persoas.
Capacitación dixital e financeira de persoas maiores
Promover a inclusión financeira das persoas maiores e ofrecerlles o apoio necesario para afrontar o proceso de dixitalización é un dos piares estratéxicos do programa.
As propostas dirixidas a este colectivo desenvólvense nos Espazos +60 de Afundación e chegan tamén á poboación de zonas rurais grazas ao plan de formación e capacitación de persoas maiores que impulsa o banco en colaboración con municipios de Galicia e León. As actividades céntranse en capacitar a estas persoas para o uso da banca móbil e os dispositivos de autoservizo, así como en facilitarlles información sobre ciberseguridade e prevención da fraude.
A principal novidade para este curso será o lanzamento dunha edición para persoas maiores do programa de ciberseguridade ‘Pon o teu diñeiro a salvo’, que se centrará en promover pautas de actuación que permitan un uso seguro das contornas dixitais e que poidan aprender a identificar as ameazas, os riscos e os comportamentos imprudentes.
Programas dixitais e híbridos para escolares
Coincidindo co inicio do curso escolar, ABANCA e Afundación puxeron en marcha novas edicións dos seus tres programas de educación financeira en formato dixital: Segura-Mente, ‘A tola aventura do aforro’ e ‘Pon o teu diñeiro a salvo’. As tres propostas teñen como obxectivo promover os coñecementos financeiros e o desenvolvemento de habilidades chave en estudantes de diferentes idades. Os recursos dixitais compleméntanse con sesións impartidas por persoas voluntarias nos centros educativos. Tamén se mantén o apoio do banco ao programa Young Business Talents, un xogo de simulación empresarial que ofrece aos participantes a oportunidade de vivir a experiencia de xestionar unha empresa.
Actividades presenciais
O programa complétase con actividades presenciais entre as que destaca o Gran Prix Financeiro, un xogo que permite achegar aos escolares os conceptos máis básicos da xestión do diñeiro dunha forma lúdica para que empecen a tomar conciencia da importancia do aforro.
Para os estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos a oferta inclúe os ciclos de conferencias: ‘As túas finanzas, o teu futuro’, en colaboración con Junior Achievement, no que se abordan temas como o orzamento doméstico, o consumo responsable ou a ciberseguridade, e ‘Preparados para dar o salto’, centrado en cuestións financeiras que os máis novos deben coñecer para afrontar o seu desenvolvemento persoal e profesional.
Tamén se impartirá unha vez máis o programa ‘Como elaborar unha tenda virtual con ferramentas de pago dixitais’, dirixido a estudantes dos Ciclos Formativos de Comercio e Marketing, Administración e Xestión, e Sanidade.
Por último, en colaboración coa Asociación Galega da Empresa Familiar, desenvolverase a cuarta edición do programa ‘Empresa familiar na aula’, que ten como finalidade fomentar o emprendemento entre a mocidade a través do contacto directo co mundo empresarial.