ABANCA e Afundación doan 27.000 máscaras e pantallas faciais a todas as residencias de Galicia
- O material, que comezará a chegar a partir da próxima semana, é para os residentes e para o persoal directo dos centros
- As pantallas faciais de protección foron fabricadas por un grupo de voluntarios de Afundación
- Con esta doazón, ABANCA e Afundación contribúen a reforzar o material de seguridade necesario para combater a epidemia nas residencias de maiores
ABANCA e Afundación repartirán 20.000 máscaras cirúrxicas e 7.000 pantallas faciais protectoras entre todas as residencias de maiores, públicas e privadas, de Galicia. O material, que comezará a chegar a cada centro a partir da próxima semana, é para o uso dos residentes e de todo o persoal directo que traballa nas residencias.
As máscaras e as pantallas faciais protectoras repartiranse entre todos os centros de maiores en función do número de residentes e de traballadores directos que teñan. No envío de material darase prioridade a aquelas residencias impulsadas por iniciativas sociais, que son as que teñen máis dificultades para o acceso a este material de protección.
As máscaras doadas por ABANCA son cirúrxicas e coa máxima protección posible. As pantallas faciais están a ser fabricadas por un grupo de voluntarios de Afundación formado por persoal e antigos alumnos do Colexio Fogar de Vigo e por traballadores e traballadoras de Afundación. Este grupo, composto por uns 40 voluntarios, está a fabricar arredor de 1.000 pantallas diarias para doalas ás residencias de anciáns de toda Galicia.
Segundo os últimos datos, un de cada catro falecidos en Galicia por coronavirus é usuario dalgunha residencia de maiores, polo que contar con material de protección adecuado é moi importante nestes momentos. Con esta doazón, ABANCA e Afundación contribúen a reforzar o material de seguridade necesario para combater a epidemia nas residencias de maiores
Outras iniciativas
Esta iniciativa súmase a outras tomadas polo banco nas últimas semanas para tratar de paliar as consecuencias económicas, sanitarias e sociais da expansión do COVID-19. Neste sentido, ABANCA realizou hai unhas semanas a compra de 150 unidades individuais de coidados intensivos que se doaron ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS), da Xunta de Galicia, para axudar a todos aqueles pacientes que ingresen con insuficiencias respiratorias.
ABANCA tamén decidiu manter os seus patrocinios en deporte base e profesional a pesar da suspensión das competicións e todos clubs recibirán nas datas previstas as cantidades estipuladas nos acordos de patrocinio que manteñen con ABANCA.
Doutra banda, no ámbito financeiro, a entidade decidiu anticipar automaticamente ao 24 de cada mes (ou seguinte día hábil) o pago de todas as pensións domiciliadas na entidade, unha media especialmente dirixida ao colectivo de clientes de maior idade. Dentro as accións financeiras, o banco tamén puxo en marcha o ’Plan Anticipar’ mediante o cal mobilizou 7.900 millóns de euros en liñas de liquidez para empresas, pemes, autónomos, negocios e comercios. Tamén no terreo do financiamento, ABANCA comezou a formalizar operacións de financiamento con aval do Estado.
ABANCA tamén participa nun seguro para protexer a 700.000 sanitarios que loitan contra o COVID-19. A póliza dará cobertura a máis de 700.000 médicos, enfermeiros, auxiliares de enfermaría, celadores e persoal de ambulancias involucrados directamente na loita contra o coronavirus en hospitais, clínicas, ambulatorios e residencias de maiores, tanto públicos como privados.
Por parte de Afundación, a Obra Social de ABANCA, púxose en marcha o portal «Afundación en casa», unha web de acceso libre e gratuíto no que se envorcará durante esta etapa toda a actividade que o equipo de Afundación continúa planificando e desenvolvendo desde os seus domicilios.