ABANCA e Afundación entregan 60 equipos de extinción de incendios aos municipios do sur de Lugo
- A Asociación de Empresarios de Chantada facilitou o apoio loxístico necesario para a distribución dos kits
- O material forma parte dunha compra global de 1053 equipos de resposta rápida que tamén se distribuíron en Ourense, León, Extremadura e Asturias
- Este fito reforza o Plan de Acción contra os incendios de ABANCA e Afundación, que xa incluíu a entrega de drons á Xunta de Galicia e traballos de restauración ambiental
Entrega de equipos de extinción de incendios de ABANCA y Afundación en Chantada, Lugo.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
De esquerda a dereita, Jesús Combarro, director de Banca Agro de ABANCA; Zaira Dapena, directora territorial de ABANCA en Lugo; Manuel Lorenzo Varela, alcalde de Chantada; e José Manuel Mourelo, coordinador de Responsabilidade Social Corporativa e Sostibilidade de Afundación.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, deron hoxe un novo paso no seu compromiso co rural galego mediante a entrega de 60 equipos de extinción de incendios forestais a 13 municipios do sur da provincia de Lugo. A colaboración da Asociación de Empresarios de Chantada foi fundamental para poder realizar a repartición deste material ás administracións locais.
Os lotes entregados foron deseñados especificamente para optimizar os labores de extinción en contornas rurais e facilitar unha actuación áxil antes da chegada dos servizos de emerxencia. Cada kit está composto por unha mochila ríxida con lanza de dobre acción que expulsa auga de xeito continuo e un batelumes para sufocar as chamas sobre o terreo.
O acto de entrega e distribución do material tivo lugar en Chantada e a el asistiron a directora territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena; o coordinador de Responsabilidade Social Corporativa e Sostibilidade de Afundación, José Manuel Mourelo; o director de Banca Agro de ABANCA, Jesús Combarro; a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo, Pilar García Porto; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares, e o presidente da Asociación de Empresarios de Chantada, Iñaki Castiñeira, alén dunha representación de alcaldes e alcaldesas que acudiron a recoller os equipos. O número de kits por municipio determinouse en función da súa vulnerabilidade, dando prioridade a aqueles identificados con maior risco.
A directora territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena, destacou que “o banco mantén un firme compromiso coa provincia de Lugo, e ante a ameaza que supoñen os incendios forestais para a economía, a seguridade e o medio ambiente, decidimos non ser observadores pasivos. Estes 60 equipos de resposta rápida van directos ás mans de quen mellor coñece o terreo, permitindo aos concellos unha primeira intervención rápida antes da chegada dos servizos de extinción”.
Pola súa banda, o coordinador de RSC e Sostibilidade de Afundación, José Manuel Mourelo, subliñou que "esta repartición en Lugo consolida o plan de acción impulsado por ABANCA e Afundación, no que a prevención e a concienciación son eixos prioritarios. Grazas á implicación do tecido empresarial e o respaldo institucional, logramos canalizar de forma eficiente estes equipos de resposta rápida, sumando esforzos colectivos fronte a unha ameaza que nos afecta a todos".
Despregamento con foco en Galicia
Esta entrega forma parte dun lote global de 1053 kits adquiridos pola entidade financeira e a súa Obra Social. O resto dos equipos distribuíronse noutras zonas especialmente afectadas e identificadas como vulnerables como a provincia de Ourense e determinadas zonas de León, Extremadura e Asturias, co obxectivo de maximizar os seus recursos e capacidade de reacción ás portas da campaña de verán.
Plan integral contra os incendios
Esta adquisición de material forma parte do Plan de Acción contra os incendios que activou o banco en agosto de 2025 e que se está executando a través de Afundación. Este programa global estrutúrase ao redor de tres grandes eixos: o apoio financeiro para a recuperación do tecido empresarial e social afectado, a restauración medioambiental dos terreos danados a través de accións de voluntariado e, de xeito prioritario, a prevención nas zonas declaradas de alto risco, que se complementa con iniciativas de formación e sensibilización social. Este plan de acción conta cunha dotación específica dun millón de euros. Alén destes kits de extinción, o pasado decembro presentáronse os equipos de vixilancia de última xeración proporcionados á Xunta de Galicia, que operarán en comarcas de alto risco como Valdeorras, Verín e a Ribeira Sacra.