ABANCA e Afundación entregan a Cáritas, Cruz Vermella e a Fundación Madriña 2.000 xoguetes novos para repartir en Reis entre familias desfavorecidas
- ABANCA e a súa Obra Social reuniron estes agasallos a través da súa campaña solidaria do Nadal ‘Debuxar sorrisos’
- As organizacións sociais distribuirán os xoguetes entre nenos e nenas de 13 localidades de Galicia, León, Asturias, Estremadura, País Vasco, Madrid e Illas Baleares
ABANCA e Afundación entregaron esta mañá a Cáritas, Cruz Vermella e a Fundación Madriña un lote de 1.914 xoguetes novos que reuniron grazas á campaña solidaria do Nadal de recadación de fondos ‘Debuxar sorrisos’. As tres organizacións sociais encargaranse agora de repartir os agasallos entre familias que están a vivir momentos complicados de 13 localidades de Galicia, León, Asturias, Estremadura, Madrid, País Vasco e Illas Baleares nas que o banco conta cunha presenza significativa.
Cáritas realizará a distribución dos agasallos na Coruña, Santiago, Pontevedra, Ourense, San Sebastián e Palma de Mallorca. Cruz Vermella fará a repartición en Vigo, Lugo, Ferrol, León, Oviedo e Mérida. En Madrid encargarase a Fundación Madriña.
Os xoguetes son novos e foron adquiridos polo banco e a súa Obra Social con parte das doazóns realizadas no marco da campaña solidaria do Nadal ‘Debuxar sorrisos’. O obxectivo desta iniciativa é que o maior número posible de nenos e nenas poidan vivir a ilusión de ter unha sorpresa nas súas casas o Día de Reis.
A campaña seguirá aberta para recibir doazóns a través da web https://dibujarsonrisas.abanca.com/ ata o próximo 6 de xaneiro. O diñeiro que se consiga reunir a partir de agora destinarase á adquisición de produtos de alimentación para a Federación Española de Bancos de Alimentos.