ABANCA e Afundación entregan máis de 2.600 xoguetes a familias damnificadas pola DANA
- Os agasallos proceden das doazóns recibidas a través da súa campaña solidaria do Nadal ‘Dibujando sonrisas por Valencia’
- Os xoguetes distribuíronse en catro colexios e un centro ocupacional, e entregáronse dous lotes a Cruz Vermella e Cáritas
ABANCA e Afundación entregaron nos últimos días máis de 2.600 xoguetes en varias localizacións da Comunidade Valenciana especialmente afectadas pola DANA. Estes agasallos foron adquiridos polo banco e a súa Obra Social grazas ás doazóns recibidas a través da súa campaña solidaria do Nadal ‘Dibujando sonrisas por Valencia’.
Unha parte dos xoguetes repartíronse entre os alumnos e alumnas do CEIP Padre Manjón, situado na pedanía valenciana de La Torre; o CEIP Vicente Pla Paredes de Sedaví e os colexios Bertomeu Llorens i Royo e Paluzié, ambos os situados en Catarroja. Trátase de tres localidades que foron totalmente devastadas polas riadas e cuxa cidadanía require dun gran apoio para ir retomando certa normalidade, especialmente nunhas datas tan sinaladas.
O Centro Ocupacional La Torre, que xa tivo o apoio do banco e a súa Obra Social para poder retomar parte da actividade asistencial que realizan, recibiu outro lote de agasallos, e o resto entregáronse a Cruz Vermella, en oito ubicacións diferentes, e a Cáritas, que se encargarán agora de distribuílos entre as familias damnificadas para que polo menos os máis pequenos poidan manter algunha das tradicións do Nadal máis arraigadas a pesar da situación crítica que están a vivir.
Doazóns en liña
A campaña solidaria do Nadal de ABANCA e Afundación permanecerá activa ata o próximo 31 de decembro a través da web dibujarsonrisas.abanca.com, onde se poden seguir realizando achegas económicas.
Os fondos recadados a partir de agora destinaranse aos proxectos que teñen en marcha na zona Cruz Vermella e Cáritas, dúas organizacións coas que o banco colabora desde o primeiro momento e que coñecen ben as necesidades máis urxentes xa que traballan sobre o terreo.
Tamén é posible seguir realizando donativos con este fin mediante transferencia á conta solidaria habilitada por ABANCA ES80 2080 7208 3385 3000 7122.
Apoio a Valencia
ABANCA e Afundación implicáronse coas persoas damnificadas pola DANA desde que ocorreu esta catástrofe natural. O banco realizou unha doazón dun millón de euros que foron distribuídos entre Cruz Vermella e Cáritas, deuse prioridade aos afectados na atención dos sinistros, púxose en marcha unha liña de financiamento con condicións preferentes e estase realizando desde os primeiros días un labor de apoio directo a clientes, empresas e cidadáns para ofrecerlles a axuda que necesiten.
Ademais, ABANCA habilitou unha conta solidaria para recadar fondos. Parte do diñeiro doado a través desta canle foi destinado a Cáritas e Cruz Vermella, e outra parte entregouse ao Centro Ocupacional La Torre, unha asociación situada en Valencia que atende a uns 80 usuarios con discapacidades graves e cuxas instalacións quedaron completamente inutilizadas pola catástrofe natural.
Outra liña de axuda aberta é a impulsada pola Obra Social do banco, Afundación, a través do seu programa ‘Cultura por alimentos’. A colaboración da cidadanía con esta iniciativa permitiu canalizar durante este primeiro mes máis de 57 toneladas de axuda ás persoas máis vulnerables.