ABANCA e Afundación envían a Ucraína dous xeradores eléctricos e 4.360 xoguetes da súa campaña solidaria de Nadal
- Os grupos electróxenos garantirán a subministración de enerxía nun hospital e un centro de menores con discapacidade
- A campaña solidaria continúa aberta para recadar fondos para os proxectos que desenvolven no país Cruz Vermella e Save the Children
ABANCA e Afundación, en colaboración con AGA-Ucraína, realizaron esta mañá o envío a Ucraína de dous xeradores eléctricos, 4.360 xoguetes que se repartirán entre as familias ucraínas e outros produtos de primeira necesidade. O obxectivo é contribuír a paliar as carencias que está a sufrir a poboación civil e que os nenos e nenas poidan manter algunha das tradicións do Nadal máis arraigadas a pesar da complicada situación que están a vivir desde que se iniciou o conflito bélico.
Parte dos xoguetes que transporta o camión proceden das doazóns realizadas por persoas solidarias nos dous locais habilitados polo banco e a súa Obra Social na Coruña e Vigo. Os outros lotes de agasallos foron adquiridos por ABANCA e Afundación grazas ás achegas económicas recibidas a través da web dibujarsonrisas.abanca.com.
Os dous xeradores que completan a carga son unha doazón do banco e a súa Obra Social coa que queren contribuír a paliar os graves problemas de subministración eléctrica que sofre o país. Estes equipos permitirán prover de enerxía ao hospital Central District de Kalush, que ten unha capacidade de 1.000 camas, e a un internado para menores con discapacidade de Belgorod-Dnistrian no que residen 132 alumnos.
No camión tamén se envían produtos de primeira necesidade para a poboación, como mantas, roupa de abrigo ou alimentos procedentes das doazóns realizadas nas últimas semanas a AGA-Ucraína e almacenadas na nave do Polígono de Pocomaco cedida por ABANCA á asociación.
O director de Territorios e Redes do banco, Gerardo Fuertes, a coordinadora xeral de RSC e Institucional da Obra Social ABANCA, Pilar Alves, e a presidenta de AGA-Ucraína, Natalia Afonina, acudiron á nave para mostrar o seu apoio ás persoas voluntarias de ABANCA, Afundación e AGA-Ucraína que se ocuparon desde primeira hora da mañá de cargar no camión os xoguetes e o resto do material solidario.
Doazóns en liña
A campaña solidaria do Nadal de ABANCA e Afundación permanecerá activa ata o próximo 5 de xaneiro a través da web dibujarsonrisas.abanca.com, onde se poden seguir realizando achegas económicas.
Os fondos recadados a partir de agora entregaranse a Cruz Vermella e Save the Children, para o desenvolvemento dos proxectos que teñen en marcha en Ucraína e os países limítrofes co fin de atender as necesidades da poboación civil que segue no país e das persoas refuxiadas.
Tamén é posible seguir realizando donativos con este fin mediante transferencia á conta solidaria habilitada por ABANCA ES80 2080 7208 3385 3000 7122.
Apoio a Ucraína
ABANCA e Afundación colaboran con AGA-Ucraína desde o inicio da guerra. Facilitaron á organización unha nave na Coruña para o seu uso como sede operativa e almacén de axuda humanitaria e financiaron o envío de catro transportes con 92 toneladas de produtos de primeira necesidade. Ademais, organizaron campamentos de verán infantís e xuvenís e concertos benéficos, entre outras accións.
ABANCA e Afundación tamén manteñen aberta unha conta solidaria para recadar fondos destinados aos proxectos nos que traballan Cruz Vermella e Save the Children para paliar as consecuencias da crise humanitaria, con especial atención á infancia.