ABANCA e Afundación impulsan os formatos dixitais no seu programa de educación financeira 2020-2021
- O xiro cara ás actividades online ten como obxectivo dar continuidade ao traballo que se realiza neste ámbito á vez que se evitan riscos sanitarios
- A conferencia do director xeral da Fundación de Cajas de Ahorros sobre o impacto da pandemia na economía española marca o inicio do programa coincidindo co Día Nacional da Educación Financeira
- Miguel Angel Escotet e Carlos Ocaña renovan o convenio que ABANCA mantén con Funcas para a organización dos programas educativos Young Business Talents e Segura-Mente ABANCA
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, presentaron este luns o seu programa de educación financeira para o curso 2020-2021, coincidindo coa celebración do Día da Educación Financeira. A oferta educativa que desenvolverán os próximos meses adaptouse á nova situación provocada pola pandemia da covid-19 e destaca nela o xiro cara ás actividades online fronte aos programas presenciais, aínda que se manterán aqueles nos que se poidan cumprir as medidas de seguridade sanitaria, e noutros combinaranse contidos dixitais e presenciais. Este cambio ten como obxectivo poder continuar formando aos diferentes colectivos no ámbito das finanzas sen correr riscos sanitarios.
O banco e Afundación consideran especialmente necesario manter o alcance do seu programa de educación financeira, que cada ano supera os 100.000 beneficiarios, nun momento como o que estamos a vivir, marcado polas dificultades económicas e a incerteza derivadas da pandemia. No futuro inmediato moitas persoas terán que afrontar decisións complicadas no ámbito da súa economía familiar e é importante que dispoñan dos coñecementos necesarios para valorar as diferentes opcións financeiras que se lles expoñan e tomar decisións acertadas que respondan as súas necesidades.
As actividades previstas no programa para este curso 2020-2021 comezaron este mesmo luns cunha conferencia do director xeral da Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas), Carlos Ocaña. O relatorio, titulado ‘A economía española ante a pandemia’, puido seguirse en directo a través de Afundación TV. Na súa intervención, Carlos Ocaña repasou o impacto que tivo a crise sanitaria na economía española, así como as medidas que se adoptaron e as perspectivas para os próximos meses.
Alianza con Funcas
Tamén coincidindo co Día da Educación Financeira, o director xeral de RSC, Sostibilidade e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o director xeral de Funcas, Carlos Ocaña, renovaron por terceiro ano consecutivo o acordo que manteñen ambas as entidades co fin de colaborar na mellora do nivel e a calidade dos coñecementos financeiros dos cidadáns. En concreto, o banco e a súa Obra Social organizan no marco desta alianza os programas educativos Young Business Talents e Segura-Mente ABANCA.
O primeiro ten como finalidade promover a cultura emprendedora entre os novos estudantes preuniversitarios. A través dun simulador empresarial poden vivir a experiencia de xestionar unha empresa e comprobar como cada decisión que se toma afecta á evolución do negocio. Na última edición participaron máis de 11.000 estudantes mozos de 447 centros escolares de toda España.
Ao longo deste mes de outubro poderán beneficiarse tamén deste completo simulador empresarial os alumnos e alumnas do Máster en Dirección de Marketing y Gestión Comercial (GESCO), que imparte IESIDE en colaboración con ESIC. Persoal de ABANCA e Afundación acompañaranos en catro sesións nas que aprenderán a negociar a contratación de produtos financeiros como poden ser un préstamo, unha liña de crédito ou un depósito.
A segunda iniciativa, Segura-Mente ABANCA, é un programa escolar baseado na asunción de riscos, a toma de decisións e a aceptación de responsabilidades. Nesta terceira edición mantense a colaboración cos centros escolares, pero potenciouse a gamificación co fin de conseguir unha proposta máis atractiva e acorde coa idade dos participantes, así como coa transformación que provocou a covid-19 no ámbito da docencia. Na última convocatoria do programa preto de 68.000 nenos e nenas traballaron conceptos vinculados ao ámbito dos seguros.
Formación desde a infancia
Neste novo curso escolar marcado pola crise sanitaria, incorpórase ao catálogo de actividades unha nova proposta en formato virtual para os máis pequenos. Trátase do videoxogo ‘A tola aventura do aforro’, no que, a través das aventuras dunha cuadrilla de amigos do planeta Moi Tolo, os participantes toman conciencia de que o diñeiro se consegue con esforzo e de que é necesario contar cunha planificación financeira para poder cumprir os nosos soños, así como da importancia do aforro e a solidariedade.
Mantéñense ademais outras propostas habituais para este colectivo, como o Gran Prix Financeiro, actividade presencial para nenos e nenas de Educación Primaria na que aprenden a importancia dunha correcta xestión do diñeiro, que se realizará con aforamentos máis reducidos, e as representacións teatrais, que este curso serán en streaming. Os escolares poderán gozar da montaxe teatral ‘Labirinto’, producida por Zarándula por encargo de ABANCA, na que se abordan temas como o consumo responsable ou saber valorar o que temos.
Educación secundaria e bacharelato
Para os estudantes de secundaria organízase de novo o ciclo de conferencias ‘Preparados para dar o salto’, aínda que pasarán de formato presencial nos centros escolares a streaming. Neste curso ofrécense dous relatorios, titulados ‘Camiñando pola vida cara a un comportamento financeiramente responsable’ e ‘Es consciente do mundo no que che tocou vivir e no que vas traballar?’. O ciclo comezou este luns cunha charla no IES de Arzúa á que asistiron 25 estudantes de economía de 4º de ESO.
Tamén terá novo formato online o programa promovido por Junior Achievement e a AEB ‘Tus finanzas, tu futuro’, que conta coa colaboración de ABANCA e Afundación. A actividade, dirixida á mocidade de entre 13 e 15 anos, está estruturada en tres sesións dunha hora á semana nas que o alumnado reflexiona sobre a toma de decisións financeiras de forma prudente e acertada, aprenden a elaborar un orzamento equilibrado e toman conciencia da importancia do aforro.
Concurso ‘La Galaxia Financiera’
ABANCA lanzou tamén este luns en Cuentas Claras, o blog do banco, a terceira edición do concurso de competencias financeiras ‘La Galaxia Financiera’, dirixido a persoas de 16 a 65 anos. Os participantes teñen que pór a proba o seu nivel de coñecementos en temas como as finanzas persoais, a ciberseguridade ou conceptos financeiros do glosario do blog. O gañador conseguirá un Google Home.