ABANCA e Afundación levan a Ourense o programa de innovación ABANCA Innova en colaboración coa Deputación
- A creación do ‘Centro ABANCA Innova Ourense. Provincia Intelixente’ supón a xeración de novas oportunidades de progreso - tecnolóxico, económico e social na provincia
Os presidentes de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinaron hoxe os convenios de colaboración para a posta en marcha do ‘Centro ABANCA Innova Ourense. Provincia Intelixente’, nun acto celebrado en Ourense que tamén contou coa participación do conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas.
“Como presidente de ABANCA podo dicirlles que a nosa organización naceu coa visión de innovar. Desde o primeiro día esa foi unha preocupación e un facer constante da nosa actividade. Pero non nos conformamos con iso. Propuxémonos ser axentes da innovación. Propulsores, animadores, promotores dos beneficios e da esixencia de innovar”, sinalou Juan Carlos Escotet Rodríguez na súa intervención.
A creación deste centro, que estará situado nun inmoble de máis de 8.000 metros cadrados propiedade de Afundación, supón a extensión do programa de innovación ABANCA Innova a Ourense e a xeración de novas oportunidades de progreso tecnolóxico, económico e social na provincia.
No marco dos convenios asinados, ABANCA promoverá o desenvolvemento do centro e estenderá a él o Programa ABANCA Innova trasladando a experiencia e o know-how dos seus directivos e dos mentores que participan no proxecto. “Viñemos a pór a disposición da provincia de Ourense os probados beneficios dun modelo de xestión, ABANCA Innova, ao que introducimos importantes cambios para adaptalo ás necesidades de desenvolvemento da provincia”, indicou o presidente de ABANCA.
ABANCA promoverá o deseño de plans, programas e proxectos relacionados coa investigación e o desenvolvemento tecnolóxico para impulsar a innovación en Ourense, fomentando a determinación de liñas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico que sexan prioritarias nos distintos sectores económicos da provincia.
Colaboración con Afundación e a Deputación
A través do convenio con Afundación, a Deputación de Ourense realizará unha achega de 200.000 euros no 2018, e outra do mesmo importe no vindeiro ano, para sufragar os gastos da posta en marcha e mantemento do centro. O organismo provincial colaborará con ABANCA no impulso de proxectos de base tecnolóxica para a súa incorporación ao Programa de Aceleración ABANCA Innova.
Ademáis, colaborará con ABANCA e Afundación, especialmente a través do IESIDE, para poñer en marcha proxectos conxuntos no eido das novas tecnoloxías e na formación superior para a innovación e o desenvolvemento dixital. Afundación será a encargada de renovar e adecuar o inmoble no que se ubicará o Centro ás súas finalidades, en particular no referido á instalación de empresas do ámbito da innovación. A empresa VIEWNEXT, do grupo IBM, será a primeira compañía en incorporarse ao centro, con máis de 200 traballadores.