ABANCA e Afundación mostran en Santiago a estreita relación entre artistas e cidades
- ‘O artista e a cidade. Visións e realidades’ poderá visitarse ata o 18 de setembro no Centro ABANCA Obra Social
- A exposición achega ao público 40 obras das coleccións de ABANCA e Afundación
Descarga los contenidos anexos
ABANCA e Afundación abren ao público este xoves 14 de xullo no Centro ABANCA Obra Social de Santiago de Compostela a exposición ‘O artista e a cidade. Visións e realidades’. A mostra reúne 40 obras que forman parte dos fondos artísticos de ambas as dúas entidades que teñen como nexo de unión a referencia a cidades reais, imaxinarias ou soñadas.
O título do proxecto inspírase nun libro do filósofo español Eugenio Trías no que o autor pon de manifesto a estreita relación que sempre existiu entre a alma da cidade e os artistas que a habitan. Esta relación pode ser de moi distinto tipo, dende a cidade como musa inspiradora ou como unha presenza que encerra e oprime ao artista nos límites dese espazo real e existencial.
Para esta exposición seleccionáronse óleos, fotografías, gravados, debuxos e esculturas de 33 artistas que forman parte das coleccións de arte de ABANCA e Afundación nas que encontramos urbes que nos levan a reflexionar sobre unha idea de cidade dende distintas ópticas e interpretacións. A mostra parte dunha serie de debuxos de Francisco Lloréns que se remontan a 1903 e chega ata a actualidade da man de autores como Elisa Sighicelli, Ana Fernández, Vari Caramés ou Cecilio Chaves.
Máis alá do mero marco cronolóxico, a exposición organízase en función de varios espazos temáticos e diálogos suxeridos entre os diversos artistas. Un bloque está dedicado á imaxe evocadora ou a lembranza da viaxe a unha cidade ou un lugar determinado. Neste grupo encontramos os óleos de Lloréns, Javier Correa Corredoira, Vicente Prego ou Xosé María Freixanes, entre outros.
Outro conxunto de obras teñen como protagonista unha visión idealizada da cidade, como a imaxe apocalíptica de Roberto González en ‘Confusión IV’ (2005), as vistas de Vigo e A Coruña de Urbano Lugrís ou mesmo as cidades escultóricas de Miquel Navarro e Caxigueiro.
Xunto a este recorrido proponse outro tipo de narración que actúa como guía para o espectador: interior-exterior, espazos habitados fronte a espazos nos que a presenza humana é inexistente. Neste bloque expositivo destacan ‘18 Brumaire’ (1991) de Xesús Vázquez, ‘El café Gijón’ (1968) de Tino Grandío, as visións neoiorquinas de Jorge Castillo ou ‘La tentación’ (1998) de Eduardo Úrculo.
‘O artista e a cidade. Visións e realidades’ estará aberta ao público ata o 18 de setembro no Centro ABANCA Obra Social de Santiago de Compostela en horario de luns a venres de 11.30 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas e os sábados, domingos e festivos de 17.00 a 21.00 horas.