ABANCA e Afundación presentan ao público ourensán ‘A fronteira infinda’
- A mostra repasa a historia da arte galega do século XX vinculada á emigración
- A sala de exposicións de Afundación en Ourense acolle a exposición ata o 12 de xuño
ABANCA e Afundación presentan este xoves 10 de marzo en Ourense a exposición ‘A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración’, que realiza un repaso pola historia da arte galega do século XX realizada fóra de Galicia, principalmente en América e Europa.
A mostra, comisariada por Carlos L. Bernárdez, reúne 45 obras de 20 artistas galegos que contan cun amplo recoñecemento tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Todas as pinturas seleccionadas forman parte dos fondos das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, declaradas Ben de Interese Cultural.
Na presentación da exposición, o director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, sinalou que para ambas entidades “é unha gran responsabilidade contar con este rico patrimonio, por iso esforzámonos día a día para estar á altura, para poñelo en valor e facilitar que todos os galegos e galegas poidan coñecelo e gozalo”.
O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o comisario da mostra, Carlos L. Bernárdez.
Román Rodríguez destacou a importancia do fenómeno migratorio galego tanto para a economía como para a cultura do noso país e incidiu en que a presenza no exterior de destacados intelectuais enriqueceu a nosa proxección cultural noutros países, especialmente en América.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, amosou en nome da cidade o seu agradecemento por elixir á capital das Burgas como espazo para amosar esta exposición, "unha mostra que os galegos sentimos especialmente, dada a importancia que tivo a emigración na nosa sociedade. Pero máis alá do valor sentimental de "A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración", os ourensáns poderemos gozar ata o 12 de xuño dunha escolma de obras de altísimo valor artístico, engrandecendo aínda máis a oferta cultural da nosa cidade".
‘A fronteira infinda. Os artistas galegos e a emigración’ incide na riqueza cultural que supuxo o fenómeno migratorio e a influencia que exerceu esta experiencia vital na evolución artística de cada un dos creadores escollidos.
O percorrido parte dunha das figuras clave na historia da arte galega: Castelao. A presenza da emigración é unha constante na súa obra e serve para dar paso a un segundo núcleo expositivo constituído polos artistas exiliados en América tras a guerra civil. Maruja Mallo, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, Eugenio Granell, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Laxeiro son algúns dos creadores destacados cando falamos da arte galega ao outro lado do Atlántico. A través das súas obras podemos observar como evoluciona a súa produción artística, na que está presente o país que deixaron atrás e a nova realidade americana, adoptando as expresións dunha sólida renovación formal que os conectan coas correntes internacionais máis avanzadas.
A exposición finaliza cunha representación das novas xeracións formadas na posguerra, un colectivo que protagoniza un novo fenómeno migratorio, esta vez principalmente cara a Madrid, o centro do sistema da cultura dominante, e outras cidades como Nova York ou París. Leopoldo Nóvoa, Jorge Castillo, Manuel Mampaso, Luis Caruncho, Antonio Lago Rivera ou Tino Grandío son algúns dos representantes desta segunda diáspora cuxas creacións forman parte da mostra.
Programa didáctico
O carácter divulgativo desta exposición refórzase coa aplicación de ABANCA ‘Colección de arte’, dispoñible gratuitamente para dispositivos móbiles Android e iOS. Esta ferramenta permite ampliar información sobre as obras expostas grazas á tecnoloxía de recoñecemento de imaxes con realidade aumentada.
Só con enfocar a obra elixida coa cámara do noso smartphone ou tablet podemos ampliar información dese cadro concreto, coñecer a biografía do autor, gardar a obra en favoritos ou mesmo compartila en redes sociais.
Para reforzar a orientación didáctica deste proxecto expositivo, ABANCA e Afundación deseñaron tamén un amplo programa de actividades pensadas para o público infantil e xuvenil, como as visitas guiadas e os obradoiros para escolares.
Horario
A exposición poderá visitarse na sala de exposicións de Afundación en Ourense (Praza Maior, 4) ata o 12 de xuño, en horario de luns a venres, de 17.30 a 20.30 horas, e os sábados e festivos de 12 a 14 e de 17.30 a 20.30 horas.
Máis información sobre a colección de arte de ABANCA na web http://coleccion.abanca.com.
Máis información sobre a colección de arte de Afundación na web http://coleccion.afundacion.org/.