ABANCA e Afundación presentan en Vigo ‘Intimidade abstraída’ de Antonio Murado
- A exposición reúne as 103 obras que compoñen o legado pictórico máis persoal do artista lucense AM 34 x 24 Vol. I
- A mostra poderá visitarse na sala de exposicións do Teatro Afundación en Vigo ata o 2 de xullo
ABANCA abre ao público esta tarde na sala de exposicións do Teatro Afundación en Vigo a exposición ‘Antonio Murado. Intimidade abstraída’. A mostra reúne as 103 obras que compoñen o legado pictórico máis persoal do artista lucense: 'AM 34 x 24 Vol. I', que forma parte da Colección de Arte do banco.
Antonio Murado (Lugo, 1964) é un dos artistas galegos con maior proxección internacional da súa xeración. Fomado na Facultad de Bellas Artes de la Universidad de Salamanca, obtivo a bolsa ‘Manuel Colmeiro’ da Xunta de Galicia en 1987, a de Banesto en 1990 e a de Unión Fenosa que lle permitiu acceder á ‘Cooper Union School’ de Nova Iorque en 1996. Na actualidade vive e traballa en Nova Iorque, aínda que se mantén moi vinculado a Galicia, e a súa obra está presente en importantes coleccións públicas e privadas de recoñecido prestixio.
Na serie 'AM 34 x 24 Vol. I' o artista realiza unha revisión dos temas que máis lle teñen interesado ao longo da súa traxectoria e que forman parte do seu particular universo píctórico, como a paisaxe, a historia, a memoria e a pintura. Tamén preséntase un amplo catálogo de persoas achegadas, xunto a numerosas esceas que recollen as súas lembranzas de infancia, polo que o conxunto de lenzos convértese nunha verdadeira testemuña autobiográfica materalizada a través da pintura.
A exposición inclúe varias pezas dedicadas a un dos temas predilectos de Murado que se ten convertido en sinal de identidade da súa produción artística: o traballo paisaxístico. Nelas pódese apreciar a súa particular interpretación da paisaxe, partindo da natureza non para imitala senón para crear unha nova realidade.
A maior novidade que presentan as obras desta serie atópase na incursión do artista no campo do retrato, unha dimensión pouco coñecida ata o momento na súa produción e que demostra o seu interese pola consatante innovación no proceso creativo. Neste caso, emprega a fotografía como base para o traballo sobre o lenzo e xera unha realidade renovada, tan personal e íntima como insólita e orixinal.
Esta exposición en Vigo permítelle ao banco avanzar nun dos obxectivos que se marcou como prioritarios no ámbito da súa política de responsabilidade social corporativa, contribuír a difundir e divulgar a cultura galega, especialmente todas as obras e autores que forman parte da Colección de Arte da entidade, declarada Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia.
Actividades para escolares
De forma paralela, ABANCA e Afundación organizaron un amplo programa de actividades dirixidas á comunidade escolar co fin de achegar aos máis pequenos o traballo de Antonio Murado e espertar a súa curiosidade polo mundo da arte.
Para participar é necesario pórse en contacto coa Área Educativa de Afundación, no teléfono 986 129 032 ou a través do correo electrónico areaeducativavigo@afundacion.org.
Horario
A exposición estará aberta ao público na sala de exposicións do Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) ata o 2 de xullo de 2016. Poderá visitarse de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e tamén os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.