ABANCA e Afundación promoven novos diálogos poéticos de Rafael Cadenas en Galicia no marco da súa xira por España
- O poeta venezolano, gañador do Premio Internacional de Poesía Federico García Lorca en 2015, visitará A Coruña e Santiago de Compostela
O poeta e ensaísta venezolano Rafael Cadenas recalará os próximos días en Galicia dentro da xira que está a realizar por España e que, co apoio de ABANCA e Afundación, incluirá dous encontros con novos creadores e público en xeral na Coruña e Santiago de Compostela.
A sede de Afundación na cidade herculina (Cantón Grande, 8) recibirá ao autor o xoves 28 de setembro ás 19.30 horas. Neste encontro, o recoñecido escritor manterá un diálogo poético con novos autores moderado pola poetisa Dores Tembrás no que se abordará o proceso creativo.
O 2 de outubro trasladarase ata Santiago de Compostela para repetir encontro, neste caso concibido como un diálogo poético e recital cos seus lectores composteláns. A cita será en IESIDE Santiago de Compostela (Rúa Nova, 33), tamén ás 19.30 horas. O escritor ourensán Xosé Carlos Caneiro será o encargado de presentar ao autor venezolano.
Rafael Cadenas regresa a España un ano despois de recoller en Granada o Premio Internacional de Poesía Federico García Lorca 2015, que lle foi concedido por ser un dos grandes creadores de poesía en español dos últimos 60 anos. Nesa ocasión tamén visitou Galicia, onde mantivo un encontro cos estudantes do I.E.S. Rosalía de Castro de Santiago e ofreceu senllos recitais en Vigo e A Coruña.
Agora, o seu paso pola nosa Comunidade Autónoma enmárcase na xira que está a realizar por España e que comezou a semana pasada en Gran Canaria, onde protagonizou unha charla e un recital no Encuentro de Literatura Las Palmas de Gran Canaria, e continuou en Tenerife cun encontro no Círculo de Bellas Artes. Tras a súa estancia na Coruña e Santiago de Compostela, o escritor trasladarase a Castilla y León, onde ten previstas dúas paradas: León e Salamanca. Nesta última cidade participará nun seminario sobre a súa obra organizado pola Universidad de Salamanca. A súa xira española conclúe en Madrid, no Instituto Cervantes.
Rafael Cadenas
Rafael Cadenas (Barquisimeto, Venezuela, 1930) é un poeta, ensaísta, tradutor e profesor universitario venezolano que está considerado un dos clásicos vivos na historia da literatura venezolana.
Ten recibido numerosos recoñecementos, entre os que destacan o Premio Internacional de Poesía García Lorca 2015, o Premio Nacional de Literatura de Venezuela en 1985, o Premio San Juan de la Cruz en 1992 e o Premio FIL de Literatura en Lenguas Romances de Guadalajara (México) en 2009.
Dentro da literatura venezolana é coñecido como membro da xeración da década de 1960. Un dos seus poemas desa época, 'Derrota', é considerado como a obra que mellor define a esa xeración venezolana, a mocidade que sentía que o fracaso da revolución no seu país era o seu propio fracaso.
A súa militancia comunista levoulle a exiliarse en Trinidad fuxindo da ditadura de Marcos Pérez Jiménez. Regresou a Venezuela en 1957 e poucos anos despois, en 1960, publica 'Los cuadernos del destierro', que é na actualidade a súa obra máis coñecida.