ABANCA e APROIN renovan o seu convenio para impulsar a mellora competitiva do sector
- O banco e a asociación de promotores redobran o seu esforzo formativo e preparan novos seminarios especializados e xornadas técnicas
- A colaboración reforza o apoio conxunto ao tecido produtivo galego e busca a mellora competitiva das empresas asociadas
ABANCA e a Asociación de Promotores Inmobiliarios da provincia de Pontevedra (APROIN) renovan a súa colaboración grazas á firma dun convenio. A rúbrica, que tivo lugar esta mañá na sede da asociación sectorial pontevedresa, contou coa participación do presidente de APROIN, Javier Garrido Valenzuela, e do director territorial de ABANCA en Vigo, Jorge Martínez Martínez.
Este novo texto reimpulsa a estreita colaboración de ambas entidades e permite o desenvolvemento de actividades conxuntas. Esta cooperación do banco con sede en Galicia e a asociación sectorial pon o foco na mellora competitiva das empresas asociadas e fixa unha axenda de actos formativos e divulgativos para os próximos meses.
Ao longo do próximo ano APROIN e ABANCA organizarán unhas xornadas xurídico-técnicas centradas na construción e o urbanismo. Baixo o título “Os novos cambios lexislativos aplicados ao noso sector”, versarán sobre as principais novidades no plano regulatorio e as oportunidades de futuro ao alcance dos asociados. Ambas entidades tamén coordinarán o seminario “Peche do exercicio 2015 e novidades fiscais do exercicio 2016”, que se impartirá nas vindeiras semanas.
Xunto a estes actos que buscan impulsar a mellora competitiva do sector, ABANCA e APROIN tamén colaborarán na vixésimo segunda edición dos premios APROIN “Edificio Galego 10”. Estes galardóns, que se entregarán o próximo mes de febreiro, erixíronse como a máis prestixiosa distinción da excelencia dentro do sector promotor.
A colaboración completarase coa inserción dun apartado especializado na páxina web de APROIN que permitirá a ABANCA mostrar as ofertas máis adecuadas para construtores e promotores. A entidade financeira tamén apoiará os asociados coa prestación dun asesoramento personalizado que lles axude a afrontar os retos da xestión das súas empresas.
Unha estreita colaboración
ABANCA e APROIN renovan o seu convenio tras un intenso ano de colaboración, no que a actividade formativa foi a protagonista. Nestes doce meses, ambas entidades organizaron seminarios de formación, xornadas técnicas e a última edición dos premios APROIN “Edificio Galego 10”.