ABANCA e APROMAR fixan unha estratexia de colaboración para o fomento da acuicultura
- A entidade financeira e a asociación sectorial renovan a súa colaboración co obxectivo de promover o desenvolvemento sostible do sector
- O banco deseña opcións á medida das necesidades destes profesionais e pon en valor a experiencia e a proximidade da súa unidade especializada ABANCA Mar
ABANCA e a Asociación Empresarial Española de Acuicultura (APROMAR) avanzan nunha estratexia compartida para afrontar os retos e oportunidades do sector. As dúas entidades renovaron un ano máis o seu convenio de colaboración, que aposta por facilitar o acceso ao crédito e ofrecer novas alternativas para impulsar un sector comprometido coas prácticas máis sostibles.
O novo texto asinouse esta mañá na sede institucional do banco en Vigo e participaron o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, e o director xerente de APROMAR, Javier Ojeda. A firma deu paso a un encontro informal, ao que tamén se sumaron outros representantes do banco e da asociación, que serviu para analizar a actualidade do sector.
A través deste acordo, o banco reforza o seu catálogo de produtos e servizos pensados para adaptarse ás necesidades das empresas integradas en APROMAR. A sostibilidade ambiental, a eficiencia enerxética e o fomento da acuicultura sostible, como complemento necesario á pesca extractiva fronte aos retos de futuro, son algúns dos obxectivos que persegue este financiamento adaptado.
Un amplo catálogo de solucións personalizadas
En concreto, as empresas acuícolas asociadas poderán acceder a produtos flexibles como unha póliza de crédito con xuros moi competitivos, pero tamén a préstamos persoais sen xuros ou comisións e a posibilidade de aprazar o pago de impostos, leasing mobiliario, avais ou desconto comercial. Para impulsar os seus proxectos e poñer en marcha novas iniciativas empresariais baixo a premisa da sostibilidade, ABANCA tamén ofrece financiamento á medida. É o caso das hipotecas navais e dos préstamos a tipo fixo, que inclúen longos prazos de amortización, posibilidade de carencias e tipos de xuro moi competitivos. É unha fórmula ideal tanto para a construción ou remodelación de embarcacións, como para a renovación dos diferentes artefactos por outros máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.
Todo iso sen esquecer as diferentes alternativas de crédito oficial dispoñibles na entidade financeira e moi concretamente o anticipo de subvencións do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA).
A renovación da colaboración con APROMAR permite ao banco reafirmar a súa aposta por un sector clave para a economía nacional e supón un paso máis no seu plan de apoio ao mundo da pesca e da acuicultura. ABANCA colaborou estreitamente no financiamento con diferentes organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e mantén vínculos cos principais protagonistas do sector, que lle permiten coñecer de primeira man os retos e necesidades dos seus asociados. Desde 2016, a entidade financeira conta cunha unidade especializada para este segmento, ABANCA Mar, que centra a súa proposta de valor na proximidade co sector e un amplo catálogo de produtos e servizos creados para afrontar os seus retos.