ABANCA e APROMAR reforzan o seu compromiso coa acuicultura e impulsan a sostibilidade no sector
- O acordo inclúe diferentes opcións de crédito centradas no respecto ao medio ambiente e en afrontar os retos tecnolóxicos
- A entidade financeira ofrece opcións a medida para os profesionais da acuicultura a través da súa unidade especializada ABANCA Mar
ABANCA e a Asociación Empresarial de Acuicultura de España (APROMAR) renovan, un ano máis, o acordo de colaboración que manteñen co obxectivo de trazar unha estratexia común para facer fronte aos retos actuais do sector e reforzar o impulso da sostibilidade. Deste xeito, ambas as entidades consolidan a súa alianza para reforzar a actividade da acuicultura, de gran relevancia no país e que conta xa cun claro compromiso co respecto polo medio ambiente.
O acordo foi asinado esta mañá en Chiclana de la Frontera (Cádiz) polo director do Centro de Empresas de ABANCA de Sevilla, Rafael Hernández, e o presidente da Asociación Empresarial de Acuicultura de España (APROMAR), Javier Ojeda. Durante a firma, os representantes aproveitaron para facer balance sobre os retos actuais aos que se enfronta o sector da acuicultura en España e acordaron manter un contacto fluído para abordar situacións futuras.
A firma deste convenio permitirá ás persoas que integran a asociación acceder a un amplo catálogo de financiamento con liñas e solucións de crédito que dean resposta ás necesidades sectoriais, facendo especial fincapé na eficiencia enerxética e na sostibilidade, promocionando así a acuicultura sostible como complemento necesario á pesca extractiva, tanto agora como no futuro.
No acordo tamén destacan produtos como a póliza de crédito, a un prazo de cinco anos e sen comisións de estudo nin amortización, que permite cubrir os déficits provocados polos paros biolóxicos e estacionais que prexudican ao sector, e unha serie de préstamos sen intereses nin comisións, subvencións e impostos. A hipoteca naval é outro dos puntos clave do convenio, xa que está deseñada para a construción, compra ou reparación de embarcacións auxiliares de acuicultura e permite contar así con naves máis modernas, eficientes e respectuosas co medio ambiente.
Programa Servizos ABANCA e novo plan ‘ABANCA Emprendedores e Profesionais’
O catálogo conta tamén con produtos e servizos como as liñas de desconto comercial deseñadas de forma específica para o sector da acuicultura, facilita ás persoas asociadas as liñas de financiamento oficiais que ABANCA ten subscritas con diferentes organismos públicos, e permite o acceso ao Programa Servizos ABANCA, deseñado especificamente para autónomos e micropemes, que permite aforrar no mantemento dos servizos bancarios máis habituais.
As persoas que forman parte de APROMAR poderán acceder tamén ao novo plan ‘ABANCA Emprendedores e Profesionais’, o primeiro plan de pensións simplificado da entidade para persoas traballadoras autónomas. Trátase dunha solución sinxela e flexible, deseñada para complementar a xubilación do colectivo e xerar un maior aforro que os plans individuais.
A renovación do acordo con APROMAR reafirma o compromiso que ABANCA mantén coa pesca e a acuicultura en España, un sector clave para a economía nacional. A entidade financeira mantén actualmente en vigor diferentes acordos de colaboración con diversas organizacións de relevancia no sector, o que tamén lle permite coñecer de primeira man as súas necesidades. Desde 2016, o banco conta coa unidade especializada ABANCA Mar, formada por un equipo de profesionais altamente especializados e cun amplo catálogo de produtos e servizos ideados para responder as demandas do colectivo do mar a través dunha oferta de solucións personalizadas para problemáticas puntuais do sector.