ABANCA e as confrarías do sur da Coruña únense para mellorar a sostibilidade do sector pesqueiro
- O banco refrenda o seu compromiso cos principais pósitos do sur da provincia coruñesa e activa solucións de crédito máis flexibles e a medida para axudar na reactivación do sector tras a pandemia
- A entidade financeira e o colectivo poñen o foco na necesidade de abordar a transformación do sector mediante o impulso a proxectos sostibles
ABANCA e as principais confrarías do sur da provincia da Coruña acordaron establecer unha fronte común para abordar a recuperación do sector tras o impacto da pandemia e impulsar a súa transformación cara a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente. Para axudar na consecución destes obxectivos, ABANCA activou, a través da súa unidade especializada ABANCA Mar, novas liñas de financiamento a curto prazo e adaptou a súa oferta con solucións flexibles e a medida para facilitar a renovación da frota, así como os investimentos sostibles.
Por sexto ano consecutivo, a entidade financeira convocou en Santiago aos pósitos da zona sur da provincia coruñesa (Muros-Noia, Costa da Morte e varias confrarías de Arousa) a unha sesión de traballo co propósito de presentar as novidades da súa oferta financeira para o sector e analizar o alcance da crise derivada da pandemia pola COVID-19 na pesca de baixura e no marisqueo, así como os retos actuais do colectivo. O director territorial de ABANCA en Santiago, Juan Carlos Carneiro, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, foron os encargados de conducir o encontro, que serviu tamén para renovar o acordo marco de colaboración financeira que une ao banco cos pósitos desta zona costeira galega. Esta alianza inclúe a un total de 17 confrarías do sur da Coruña: Fisterra, Lira, Muros, Noia, Palmeira, Rianxo, Muxía, A Pobra, Camariñas, San Andrés (Portosín), Carreira-Aguiño, Cabo de Cruz, San Telmo (Porto do Son), Camelle, Corcubión e Pindo e San Andrés (Ribeira).
Renovación de frota e investimentos sostibles
Os representantes de ABANCA presentaron as novidades da oferta de ABANCA Mar que se inclúen no protocolo asinado para atender as demandas financeiras dos profesionais e empresas do sector marítimo-pesqueiro. Entre outros produtos, o banco pon ao dispor deste colectivo financiamento flexible (hipotecas navais ou préstamos a tipo fixo) e con amplos prazos ou carencias para incentivar a construción de novas embarcacións, a remodelación ou a segunda adquisición de barcos máis eficientes e menos contaminantes. Ademais, explicaron que a entidade financeira conta con financiamento adaptado e competitivo para investimentos sostibles nos buques e no resto da industria, co ánimo de promover a mellora da eficiencia enerxética e a sostibilidade. De igual maneira, tanto Juan Carlos Carneiro como Javier Fraga trasladaron durante o encontro o apoio e acompañamento ao sector na xestión de axudas europeas e canalización de proxectos que poden optar aos fondos de recuperación Next Generation.
Na sesión tamén se destacou que este tipo de encontros e a interlocución directa co sector permiten ao banco anticiparse e adaptar a oferta de ABANCA Mar de maneira continua para atender as particularidades deste colectivo. Neste sentido, os representantes de ABANCA lembraron que, entre as alternativas xa dispoñibles, sobresaen as opcións a medida para o financiamento de circulante, os préstamos para financiar a compra de materias primas en campaña, mareas, pagos de gasóleo ou de dereitos de pesca; os anticipos de subvencións ou pago de impostos, e tamén outros produtos e servizos como leasing mobiliario, avais ou seguros.
Durante a reunión, os patróns maiores das confrarías mostraron a súa preocupación por problemas que afectan especialmente o sector neste momento, como a crise derivada da pandemia e os novos hábitos dos consumidores ou a necesidade de modernizar as embarcacións, mellorar as cotas da pesca artesanal e garantir o recambio xeracional, entre outras cuestións. Pola súa banda, ABANCA puxo en valor a experiencia e especialización da súa unidade ABANCA Mar para dar resposta a moitos destes interrogantes mediante solucións financeiras a medida.