ABANCA e as empresas familiares de Asturias unen esforzos para impulsar o crédito
- A entidade financeira acorda coa asociación que agrupa ás empresas familiares asturianas fórmulas para facilitar un financiamento flexible a adaptado ás súas necesidades
- ABANCA e AEFAS poñen a mellora competitiva e a posta en marcha de novas iniciativas empresariais como principais obxectivos da colaboración
ABANCA e a Asociación Asturiana de Empresa Familiar (AEFAS) asinaron un acordo de colaboración coa vista posta en facilitar o acceso ao crédito deste colectivo. O texto foi rubricado esta mañá na oficina da entidade financeira en Xixón-Llano, unhas instalacións renovadas de maneira integral o pasado ano dentro do plan de modernización da rede comercial que ABANCA está despregando en Asturias.
O presidente de AEFAS, Pedro Ortea, e o director de zona de ABANCA en Asturias, José María Jardón, firmaron un texto que supón un impulso á mellora competitiva das empresas actuais e ao emprendemento no Principado.
Este convenio de colaboración pon a disposición das empresas familiares de Asturias que estean asociadas a AEFAS un amplo catálogo de produtos adaptados ás súas necesidades. O crédito é o gran protagonista entre a oferta financeira de ABANCA, cun gran peso dos produtos pensados para acometer investimentos, realizar melloras competitivas ou emprender. Entre eles, destaca o préstamo hipotecario negocio, que ofrece un amplo período de amortización de ata 15 anos e elimina as principais comisións. Os interesados tamén terán á súa disposición outros produtos de financiamento como o préstamo persoal, o leasing mobiliario, as liñas de comercio exterior para apoiar a internacionalización ou os avais, con tarifas melloradas respecto ao mercado.
O texto selado entre ABANCA e AEFAS apoia tamén ás empresas familiares con solucións para as súas necesidades máis correntes. É o caso de produtos que contribúen a contrarrestar as tensións de tesourería e as súas finanzas diarias como a póliza de crédito, o desconto comercial, o factoring ou o confirming.
Por último, a entidade financeira ofrece APLAZOS, a súa alternativa de financiamento flexible no punto de venda para os clientes das empresas asociadas, que permite competir coas grandes superficies. Desta maneira, os compradores poden fraccionar o pagamento dos bens ou servizos adquiridos sen saír do establecemento e de maneira inmediata. Adicionalmente, os asociados de AEFAS contarán con tarifas personalizadas na instalación e mantemento de terminais punto de venta (TPV).
A Asociación Asturiana de Empresa Familiar (AEFAS) é unha organización sen ánimo de lucro e de ámbito autonómico que ten como obxectivo apoiar e defender os intereses das empresas familiares do Principado de Asturias así como contribuír ao impulso e fortalecemento das mesmas. A súa vocación pasa polo recoñecemento e a mellora competitiva do colectivo. Pola súa parte, ABANCA é unha das entidades de referencia no panorama financeiro do noroeste español, aínda que tamén con presenza no resto do territorio nacional e a nivel internacional. Desde as súas once oficinas no Principado ofrece alternativas especificamente deseñadas para particulares, autónomos e empresas.