ABANCA e as entidades empresariais SEARA, Sabón, Agrela e Bergondo fomentan os valores emprendedores entre os escolares de secundaria
- O banco ofrecerá formación práctica sobre emprendemento ao alumnado dos cinco centros educativos que participan no proxecto emprendedor PROEM
- Os estudantes, de entre 14 e 16 anos, enfróntanse ao reto de crear unha cooperativa educativa co apoio das organizacións empresariais
- O apoio do banco a esta iniciativa enmárcase dentro do programa de educación financeira que desenvolve a Obra Social ABANCA
ABANCA e as entidades empresariais SEARA, Sabón, Agrela e Bergondo veñen de subscribir un acordo de colaboración que contribuirá a reforzar o Proxecto PROEM, unha iniciativa da organización empresarial pontesa que busca promover a cultura e os valores do emprendemento entre os estudantes de secundaria.
Gerardo Fuertes Ayerdi, director territorial de ABANCA na Coruña; José Castro Romero, presidente de SEARA; Manuel Rivas Caridad, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón-Arteixo; Jose Antonio López López, presidente da Asociación de Empresarios de Agrela; e Jose Antonio Seoane Ares, presidente da Comunidade de Propietarios do Polígono de Bergondo, rubricaron o convenio que materializa o compromiso da Obra Social ABANCA con este programa no que participan neste momento alumnas e alumnos de entre 14 e 16 años dos centros educativos Moncho Valcarce (As Pontes), Castro da Uz (As Pontes), IES A Sardiñeira (A Coruña), CPI O Cruce (Cerceda) e o IES As Mariñas (Betanzos).
O obxectivo principal que persegue o Proxecto PROEM é ofrecer aos estudantes de 3º e 4º de ESO formación práctica sobre emprendemento, de maneira que poidan aproximase á realidade empresarial. Para iso expónselles o reto de crear unha cooperativa educativa. Deberán elaborar un plan de negocio e abordarán cuestións como a constitución societaria ou a apertura dunha conta bancaria, así como o resto de pasos que resulten necesarios para a posta en marcha dun negocio. Neste proceso contan co apoio das asociacións empresariais que colaboran na iniciativa e de ABANCA, que impartirá aos participantes unhas xornadas específicas de educación financeira.
A entidade financeira súmase a este proxecto no marco do programa de educación financeira que desenvolve a Obra Social ABANCA e que ten como obxectivo fundamental mellorar os coñecementos financeiros e a cultura emprendedora da cidadanía, prestando especial atención aos colectivos da infancia e a mocidade. No caso dos nenos e nenas, favorécese un primeiro contacto co ámbito económico e, no caso dos estudantes novos, achegándolles a cultura emprendedora e ofrecéndolles a formación necesaria para unha correcta xestión da súa economía persoal no futuro.