ABANCA e ASAJA León suman esforzos nas campañas da PAC e da remolacha
- A entidade financeira ofrece aos asociados anticipos sen xuros ou sen comisións das axudas europeas e do cobro dos cultivos vendidos á planta de La Bañeza
- Os agricultores optarán a produtos específicos de crédito para impulsar a competitividade das explotacións: unha póliza de crédito a cinco anos e un préstamo persoal a 12 anos
ABANCA e a Asociación Agraria de Novos Agricultores (ASAJA) de León renovaron hoxe o seu traballo conxunto na provincia, grazas á firma dun convenio de colaboración. Con este novo texto, as dúas entidades facilitarán o acceso ao crédito e permitirán o abono anticipado das axudas PAC e da campaña da remolacha.
Na rúbrica, que tivo lugar esta mañá en León, participaron o secretario xeral de ASAJA León, José Antonio Turrado Fernández, e o director territorial de ABANCA en León e Asturias, Marcos Lamas Seoane. Este texto firmado hoxe referenda o compromiso da entidade financeira co sector primario leonés e, especificamente, cos agricultores da provincia. Non en van, o banco creou hai menos dun ano unha división específica para este tipo de clientes con produtos adaptados as súas necesidades: ABANCA Agro.
En virtude deste texto, os asociados de ASAJA León poderán tramitar de maneira áxil o cobro das axudas PAC. Conxuntamente deseñouse un produto financeiro que permite cobrar ata o 90% do importe da axuda, sen comisións ou sen xuros para o agricultor. Ademais, os remolacheiros da provincia tamén poderán adiantar o cobro da colleita sen custe e dun xeito sinxelo.
Precisamente o texto asinado polas dúas entidades toma como eixe central o crédito. ABANCA ofrecerá un préstamo persoal especificamente pensado para este colectivo, que permite afrontar investimentos coa máxima tranquilidade grazas a un prazo moi amplo que pode chegar ata a 12 anos. Con este produto, a entidade financeira facilitará o crédito para, entre outros destinos, a compra de maquinaria e para a compra e amoblamento de fincas de regadío.
Os agricultores tamén se poderán beneficiar dunha póliza de crédito para financiar as necesidades de liquidez do día a día, que conta coa vantaxe principal de chegar ata a cinco anos e sen ningún tipo de comisión de formalización. A entidade tamén ofrece un préstamo específico para os gastos de campaña, cun máximo de 10.000 euros, a un tipo de xuro cero e cunha comisión de apertura muy competitiva.
A oferta de ABANCA inclúe condicións melloradas na contratación de outros produtos de activo como préstamos hipotecarios, anticipos, leasing mobiliario, liñas de comercio exterior, confirming, avais ou liñas de desconto. Ademais, os agricultores poderanse beneficiar das vantaxes do Programa Cero Comisións para deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas e dos servizos máis habituais.
ABANCA mantén unha importante presenza en León, onde conta con medio centenar de oficinas e máis de 100 xestores altamente especializados para atender as necesidades dun sector no que xa é un referente por calidade de servizo e por volume de facturación. ASAJA León, pola súa parte, é unha organización nacida no 1985 que defende os intereses dos novos agricultores e as empresas agrarias da provincia.