ABANCA e Asturgar SGR apostan pola innovación tecnolóxica e a implantación exterior das pemes
- Ambas as entidades asinan un acordo para impulsar iniciativas empresariais con 3.000.000 de euros
A Sociedade de Garantía Recíproca (SGR) de Asturias (ASTURGAR), pertencente ao Grupo Sekuens, e ABANCA asinaron este mediodía un convenio de colaboración para apoiar o desenvolvemento de pequenas e medianas empresas con financiamento que permita a mellora da súa xestión, produtividade e innovación tecnolóxica e que lles facilite a súa implantación no exterior.
Este compromiso de colaboración mutua formalizouse mediante a firma dun convenio marco que rubricaron o presidente de Asturgar e director xeral de Sekuens, David Gonzalez e o director de Negocio Institucional de ABANCA en Galicia, España Norte e Portugal, Lino Comesaña.
Ao amparo deste acordo, as pemes poderán beneficiarse dunha dotación global de 3.000.000 de euros, cun máximo de 600.000 euros por empresa en condicións moi interesantes para os solicitantes de financiamento.
De igual modo, o compromiso de colaboración abarca a realización de actividades conxuntas destinadas a mellorar a formación financeira.
Lino Comesaña, destacou que “coa firma deste acordo acreditamos unha vez máis o noso compromiso con Asturias e a súa economía. A través deste convenio ofrecemos ao seu tecido empresarial, en especial ás pequenas e medianas empresas, diferentes fórmulas de financiamento en condicións vantaxosas para desenvolver a súa actividade de negocio ou para potenciar as súas capacidades competitivas, o que en última instancia repercutirá positivamente na creación de emprego e riqueza no Principado”.
“A través de acordos como o que asinamos con ABANCA, poñemos ao dispor das pemes produtos financeiros pensados para as súas necesidades aos que, doutra maneira, non terían acceso”, resaltou o presidente de Asturgar, David González.