ABANCA e CEEI Asturias impulsan o emprendemento coa I Xornada Fintech
- Ambas as dúas entidades dan a coñecer o seu traballo conxunto en materia de impulso á innovación cunha sesión de marcado carácter divulgativo
- A xornada permite compartir a experiencia no desenvolvemento de ideas empresariais a emprendedores
- ABANCA Innova aproveita o acto para facer balance do seu programa para startups e presenta as novidades da súa terceira edición
ABANCA e o Centro Europeo de Empresas e Innovación (CEEI) Asturias reforzan o seu compromiso co tecido empresarial da comunidade e poñen en marcha unha iniciativa para promover o emprendemento no Principado. Baixo o título “I Xornada Fintech ABANCA e CEEI Asturias”, a oficina principal da entidade financeira en Oviedo foi o escenario dunha sesión de traballo e impulso á innovación na que participaron media ducia de poñentes e unha vintena de emprendedores asturianos.
O programa da xornada arrancou coa presentación do acordo que manteñen ABANCA e CEEI Asturias en materia de impulso ás ideas que buscan achegar solucións para mellorar a banca tradicional. O director territorial de ABANCA en Castela e León e Asturias, Marcos Lamas, e a directora do CEEI Asturias, Cristina Fanjul, foron os encargados de dar a coñecer un programa rubricado hai xusto un ano e que se centra especificamente nas iniciativas fintech, insurtech e regtech, pero que tamén é extensible ás solucións tecnolóxicas aplicadas ao sector financeiro.
Tras eles, a xerente de Comunicacións e Internet Smart Things de ABANCA, Rosa Seoane, debullou as principais novidades da terceira edición do Programa para startups ABANCA Innova. Esta proposta xa consolidada permite orientar a empresas emerxentes do sector financeiro, asegurador, cumprimento regulatorio ou ciberseguridade, independentemente da fase de desenvolvemento na que se atopen.
O Programa para startups ABANCA Innova ofrece a posibilidade de realizar unha proba de concepto coa entidade financeira, na que se valida o encaixe da proposta de valor da empresa tanto coa entidade como co mercado. O prazo de presentación de candidaturas nesta terceira edición estará aberto ata o vindeiro 19 de novembro e as empresas interesadas poderán apuntarse a través da web de ABANCA Innova.
Un impulso ao emprendemento
A “I Xornada Fintech ABANCA e CEEI Asturias” serviu tamén para compartir de primeira man a experiencia de emprendedores. Foi o caso do cofundador da fintech 2gether, Salvador Casquero, quen impartiu un relatorio sobre a súa experiencia á fronte da primeira plataforma bancaria colaborativa, ante un foro repleto de emprendedores, futuros emprendedores, responsables de empresas tecnolóxicas e profesionais interesados na innovación e o emprendemento en Asturias.
É xusto nesta liña de impulso ao emprendemento onde se crea o Programa para startups ABANCA Innova. Nas súas dúas primeiras edicións recibiu 67 candidaturas de proxectos empresariais de base tecnolóxica orientados aos sectores fintech, insurtech e regtech. Tras superar a fase de selección, nove delas iniciaron un proceso de acompañamento deseñado por ABANCA Innova co obxectivo de axudalas a construír o seu proxecto.
Conectada con esta tendencia, a entidade impulsou tamén outras actividades como un programa de intraemprendemento dentro do banco ou o Observatorio de Tecnoloxías Emerxentes. Desde a súa creación en 2017, ABANCA Innova organizou 170 eventos con máis de 2.000 asistentes nos que participaron 710 empresas, 441 delas emerxentes.