ABANCA e Cepesca asinan un acordo estratéxico para impulsar a renovación da frota española e a mellora competitiva do sector
- O acordo, dirixido a potenciar o acceso ao crédito dos armadores, tamén contempla o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo e divulgativo
- O banco traballa nunha oferta de financiamento e servizos adaptados ás necesidades das empresas pesqueiras
ABANCA e Cepesca asinaron un convenio de colaboración mediante o que a entidade financeira porá a disposición do sector pesqueiro español unha serie de produtos e servizos financeiros deseñados para as súas particularidades e necesidades concretas. O acordo ten como obxectivo permitir ao sector impulsar a renovación da súa frota e a adopción de novas tecnoloxías aplicadas á investigación e ao aseguramento da súa actividade sostible.
O acordo dará acceso ao sector a alternativas de financiamento, tanto a curto como medio prazo e axustadas, ademais, ás principais demandas de armadores e profesionais do mar no entorno financeiro, definidas polas peculiaridades do sector pesqueiro.
ABANCA e Cepesca impulsarán a creación de grupos de traballo para abordar as necesidades do colectivo para, unha vez detectadas, desenvolver produtos ad hoc que permitan apoiar calquera tipo de proxecto en condicións vantaxosas. Tal é o caso da hipoteca naval, unha alternativa de crédito do catálogo que ofrece ABANCA creada especificamente para a renovación da frota. Ambas as partes recordaron que a frota que faena no caladoiro nacional ten unha media de 34 anos de idade, a que faena no caladoiro da UE non español, 18 anos de idade e a que faena fóra das augas da UE, 22 anos de idade.
Segundo Javier Fraga, director de ABANCA Mar, “a nosa experiencia como entidade financeira de referencia deste proceso de renovación en Galicia permítennos dispor dun equipo de xestores especializados cun alto coñecemento deste sector e capacidade para desenvolver solucións financeiras a medida, dous valores que agora poñemos a disposición de Cepesca e os seus asociados”.
O acordo entre ABANCA e Cepesca foi rubricado por Amador Suárez, presidente da organización pesqueira, e o director xeral de Negocio España de ABANCA, Luis Beraza. O acto, ao que tamén asistiron Javier Garat, secretario xeral de Cepesca, o director de ABANCA Empresas e Pemes, Víctor Casal e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, celebrouse na sede da entidade bancaria en Madrid.
Segundo Amador Suárez, “creo que con este acordo tanto os profesionais do mar e os armadores van a atopar en ABANCA, máis alá dun banco, un socio estratéxico, próximo e, sobre todo, coñecedor das súas necesidades financeiras tendo en conta a particular idiosincrasia da nosa actividade”.
Impulso da divulgación e a formación
O acordo asinado tamén contempla o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo e divulgativo e co foco na mellora da competitividade do sector pesqueiro. Para iso, ambas as organizacións crearán un calendario estable de actividades que fomenten e contribúan a dar visibilidade aos retos e desafíos do sector.
A este respecto, tanto ABANCA como Cepesca manifestaron o seu interese na organización de congresos, xornadas ou outros eventos que permitan compartir boas prácticas e a mellora competitiva dos asociados da organización pesqueira.
Sobre Cepesca
Cepesca é a organización empresarial de ámbito nacional máis representativa da Unión Europea e agrupa a 37 asociacións de armadores de buques de pesca tanto de baixura como de altura, con 800 empresas pesqueiras, 861 buques, preto de 10.000 tripulantes e unha capacidade de arqueo de 311.674,88 GTs. Entre os seus obxectivos, a Confederación persegue mellorar a competitividade das empresas pesqueiras, apostar pola formación das tripulacións e o relevo xeracional, promover o desenvolvemento dunha pesca responsable e sostible e loitar contra a pesca ilegal. Para coñecer máis, visita www.cepesca.es.
Sobre ABANCA
ABANCA conta desde 2015 cunha unidade especializada nas necesidades do sector primario. Co lanzamento de ABANCA Mar, a entidade financeira conxugou un catálogo específico, xestores especializados e respostas adaptadas ás necesidades dun sector clave para a economía produtiva española.