ABANCA e Conxemar afianzan a súa colaboración para a celebración dunha nova edición da feira
- A entidade financeira referenda o seu histórico apoio á cita sectorial, que celebrará a súa vixésimo terceira edición a próxima semana
- O banco acode ao evento cun estand propio no que ofrecerá as solucións a medida da súa unidade especializada ABANCA Mar
ABANCA e Conxemar dan un novo pulo á súa colaboración histórica coa sinatura dun convenio que lles permite seguir desenvolvendo actividades que contribúan a promover o mundo da pesca en termos xerais e en particular o sector do conxelado. Esta sinatura chega precisamente a poucos días da inauguración da XXIII edición da Feira Conxemar, que volverá reunir aos principais axentes do sector nun evento xa consolidado como referente mundial.
O novo convenio foi asinado esta mañá na sede da asociación polo presidente de Conxemar, Eloy García, e polo director de Institucional de ABANCA en Galicia, Asturias e León, Lino Comesaña. Este convenio, co que ABANCA dá continuidade ao apoio económico á feira, súmase ao histórico impulso que a entidade financeira dá á Feira Conxemar desde o seu inicio e á colaboración institucional ao máis alto nivel.
Este texto marca o traballo conxunto das dúas entidades para avanzar na consolidación de Conxemar como unha das feiras sectoriais de referencia. Fixa tamén as bases para incrementar o compromiso cun sector clave para o tecido produtivo non só de Vigo, senón tamén de Galicia. ABANCA demostra grazas a este acordo o seu sólido apoio á industria transformadora e comercializadora de produtos do mar ante os retos tanto conxunturais como estruturais que vive o sector.
Máis alá deste apoio institucional, a entidade financeira acudirá un ano máis ao evento cun estand propio no que os profesionais de ABANCA Mar presentarán as solucións á medida do banco para este sector. A Feira Conxemar foi precisamente o escenario elixido na súa edición de 2016 para lanzar esta unidade especializada, que ofrece un catálogo de produtos propios e conta con responsables especializados que chegan a preto de 9.000 clientes e alcanza un volume de negocio de 2.700 millóns.
A Asociación Española de Mayoristas, Importadores, Transformadores y Exportadores de Productos de la Pesca y Acuicultura, Conxemar, con sede en Vigo, está consolidada como un instrumento de unión fundamental no sector de produtos do mar conxelados no noso país. Representa e defende os intereses de 228 empresas asociadas, cunha facturación anual que supera os 9.000 millóns de euros e que supón o 75% dos ingresos da totalidade do sector do conxelado, dando emprego a máis de 16.000 traballadores. A XXIII Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados Conxemar celebrarase o 4, 5 e 6 de outubro no recinto feiral Ifevi de Vigo, con 37.000 m2, e con máis de 700 expositores de máis de 40 nacionalidades distintas.