ABANCA e Crédit Agricole formalizan a compra-venda de Bankoa
- A operación sitúa o volume de negocio de ABANCA en 93.000 millóns e consolídaa como a sexta entidade financeira española por activos
- ABANCA reforza a súa presenza na cornixa cantábrica, área considerada como prioritaria no seu Plan Estratéxico
- A compra de Bankoa é a quinta operación corporativa de ABANCA desde 2014
ABANCA e Crédit Agricole subscribiron hoxe a compra-venda de Bankoa tras o anuncio, en xullo, do preacordo entre ambas as partes. No acto de firma, celebrado en Donostia-San Sebastián, estiveron presentes o presidente e o CEO de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Botas, respectivamente; o CEO adxunto de Crédit Agricole, Xavier Musca, e o presidente de Crédit Agricole Pyrénées Gascogne, Marc Didier.
Como parte da operación, ABANCA e Crédit Agricole alcanzaron ademais un acordo de colaboración comercial que permitirá aos clientes de Bankoa beneficiarse das capacidades de ambos os grupos, tanto no mercado español como noutros países. ABANCA manterá aos actuais conselleiros de Bankoa no novo Consello dada a súa traxectoria no sector financeiro e o seu arraigamento no territorio. Tras a firma iníciase agora o proceso de obtención das autorizacións administrativas correspondentes.
A operación en cifras
Coa adquisición do negocio bancario minorista de Crédit Agricole en España, ABANCA reforza a súa presenza na cornixa cantábrica, área considerada como prioritaria no seu Plan Estratéxico. De maneira específica, o acordo permítelle crecer no País Vasco, un mercado de gran valor pola súa solidez financeira (é a comunidade española con mellor rating) e o seu dinamismo económico (presenta un PIB per cápita un 30% superior á media estatal).
Con iso a entidade galega aumentará o seu volume de negocio en 4.374 millóns de euros (1.788 en crédito á clientela, 1.575 en depósitos e 1.011 en fondos fóra de balance) até situalo en 93.000 millóns de euros. ABANCA consolidarase como a sexta entidade española por activos, con máis de 65.000 millóns.
Bankoa, que presta servizo a máis de 40.000 clientes particulares e empresas, opera de acordo cun modelo de negocio especializado e centrado en empresas, pemes e xestión de patrimonios. A entidade é recoñecida no sector pola súa solvencia, calidade de activos e rendibilidade.
Ademais de incorporar 30 oficinas e 3 axencias de empresas, situadas fundamentalmente en Euskadi, pero tamén en Navarra, A Rioxa e Madrid, a súa adquisición supón para ABANCA un importante reforzo en segmentos de negocio estratéxicos, como empresas e xestión de patrimonios, e ábrelle novas posibilidades de crecemento en financiamento de circulante, negocios, consumo e seguros.
Quinta operación corporativa
A compra pechada hoxe convértese na quinta operación corporativa realizada con éxito por ABANCA desde o seu nacemento en 2014. A primeira foi a integración ese mesmo ano do Banco Etcheverría; en 2017 realizouse a compra de Popular Servicios Financieros; en 2018, ABANCA adquiriu Deutsche Bank PCB, e tamén en 2018 comprou a Caixa Geral de Depósitos o seu banco en España, Banco Caixa Geral.
Crecemento sostible e compromiso coa contorna
A operación de adquisición de Bankoa enmárcase no actual Plan Estratéxico de ABANCA, que sitúa o crecemento sostible entre os seus principais eixos. No último ano ABANCA sumouse ás principais iniciativas globais de banca responsable, como os Principios de Banca Responsable, os Principios de Investimento Responsable de Nacións Unidas, e os Principios para un Océano Sostible.
Xunto coa sostibilidade, o compromiso social de ABANCA é outro dos eixos estratéxicos. ABANCA destinou desde o seu nacemento preto de 50 millóns de euros para reforzar e ampliar os resultados dos seus programas educativos, culturais e asistenciais que desenvolve fundamentalmente a través da súa Obra Social, Afundación.
Nos últimos meses, o compromiso de ABANCA coa súa contorna dirixiuse de forma prioritaria a paliar as consecuencias do COVID-19 sobre o conxunto da sociedade. No plano económico, formalizou 3.171 anticipos de axudas ERTE por importe de 3,3 millóns de euros, 16.871 operacións ICO de financiamento de liquidez por importe de 2.652 millóns de euros e 18.035 moratorias financeiras por importe de 1.008 millóns de euros.
No ámbito asistencial, o banco doou 514 equipos sanitarios aos hospitais galegos, dos cales máis de 150 son ucis, e 4 lectores automatizados para a realización de test. Ademais proporcionou máis de 80.000 menús para escolares en situación de vulnerabilidade.