ABANCA e Educa abren o prazo para presentar candidaturas aos Premios Educa ABANCA 2019
- O banco e a plataforma educativa inician por terceiro ano consecutivo a procura do mellor docente de España
- O certame ten como obxectivo dar visibilidade á boa práctica docente na sociedade nas diferentes etapas educativas
ABANCA e a plataforma educativa Educa veñen de abrir o prazo para a presentación de candidaturas á terceira edición dos ‘Premios Educa ABANCA. Mejor docente del año’, que busca recoñecer aqueles docentes que destaquen pola súa boa práctica e a súa dedicación á profesión nalgunha das cinco categorías establecidas: educación infantil, primaria, secundaria/bacharelato, formación profesional e universidade.
Calquera alumno o alumna pode presentar ao certame a un ou varios docentes que admire pola súa boa praxe a través do formulario dispoñible na páxina web www.mundoeduca.org ata o 30 de xuño. No caso das etapas de educación infantil e primaria serán as familias quen deban realizar as propostas.
Poden participar na convocatoria todos os profesores de centros públicos, concertados e privados con ensino regulado que estean en activo durante o curso 2018/2019. A iniciativa está aberta tamén a aqueles docentes que traballen no ámbito da educación especial, centros penais e hospitais.
Os cinco mellores docentes, un por categoría, recibirán como lembranza un trofeo Educa, un diploma acreditativo e un premio de 1.000 euros en metálico.
Os Premios Educa ABANCA buscan mellorar a visibilidade da boa práctica docente entre a sociedade e dar voz ao alumnado á hora de recoñecer a aqueles profesores que destaquen polo seu bo facer. A finalidade da iniciativa, posta en marcha en 2017 pola plataforma educativa en colaboración coa Obra Social ABANCA, é enxalzar a figura do bo docente, a súa implicación no proceso de ensino e tamén a importancia do papel que desenvolven estes profesionais na sociedade.
Máis información sobre a convocatoria da terceira edición en www.mundoeduca.org.