ABANCA e Itsas Garapen Elkartea colaboran no acceso ao crédito e na sostibilidade da pesca
- O banco e a asociación vasca unen esforzos para cubrir as demandas do colectivo, que aumentaron debido á crise económica e sanitaria da COVID-19
- A unidade especializada ABANCA Mar ofrece produtos e servizos a medida para o colectivo pesqueiro e acuicultor
ABANCA e a asociación Itsas Garapen Elkartea, que traballa no apoio ao sector pesqueiro e acuícola de numerosos municipios vascos, veñen de asinar un acordo conxunto para dar un novo impulso ao sector, que posúe unha grande importancia dentro de Euskadi.
No documento recóllense unha serie de vantaxes en materia financeira que inclúen novas alternativas de crédito, servizos adaptados ás necesidades do sector e unha atención especializada. Este novo escenario permite ao banco e ao grupo de acción local o impulso da pesca, o marisqueo e a acuicultura nas costas vascas.
A firma prodúcese tras o encontro en dúas sesións telemáticas levadas a cabo a primeira semana de xuño entre ABANCA e o grupo de acción local pesqueiro cos principais representantes do mundo do mar en Euskadi. Nestas xornadas especializadas participou o director xeral de Pesca e Acuicultura do Goberno vasco, Leandro Azkue, e serviron para captar as necesidades colectivas e traballar en común nunha proposta de valor específica.
O presidente de Itsas Garapen Elkartea, Aurelio Bilbao, e o director territorial Centro-Norte de ABANCA, Pedro Miguel Canales, foron os encargados de asinar hoxe en Ondarroa (Bizkaia) este acordo que fortalece a aposta que mantén ABANCA con Euskadi e co sector do mar. Á firma tamén asistiu o coordinador de ABANCA Mar, Mikel Eraso.
Crédito e compromiso co mar
O acordo pon o foco principalmente no acceso ao crédito, polo que os profesionais do mar que pertencen a esta asociación contarán cunha serie de condicións melloradas na contratación de produtos de ABANCA para poñer en marcha novos proxectos, pero tamén para promover a mellora da competitividade dos actuais. Deste modo, ofrécense pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións, leasing mobiliario, Confir-MAR, avais ou liñas de desconto.
A mellora da sostibilidade do sector é outro dos puntos clave do acordo debido ao compromiso que mantén o banco co medio mariño, polo que a través doutros produtos, como a hipoteca naval, poderase contribuir ao proceso de renovación da frota do sector en Euskadi mediante a substitución por embarcacións que sexan máis eficientes e que deixen menor pegada no medioambiente.
A maiores, o convenio financeiro recolle unha serie de seguros especializados para este colectivo, ao que tamén se lle facilitará información relativa ás opcións de financiamento mediante convenios oficiais que a entidade mantén co ICO e as SGR dende a cadea de oficinas que ten o banco en Euskadi, actualmente 32. Grazas á adquisición de Bankoa o pasado ano, a entidade financeira aumentou a súa aposta por Euskadi e incrementou o coñecemento sobre este territorio.
O banco pon tamén en valor a experiencia acumulada pola súa unidade especializada ABANCA Mar, unha proposta única no sector que une dende 2016 un amplo coñecemento acumulado do sector, con produtos a medida e xestores especializados centrados nas necesidades das empresas e profesionais do mundo do mar.