ABANCA e Líbolis fomentan a creatividade co II Campus de Emprendemento
- O banco e a entidade educativa unen esforzos para impulsar unha proposta formativa e lúdica que estimula o desenvolvemento de coñecementos científicos, tecnolóxicos, artísticos ou matemáticos
- Os nenos e nenas participantes de entre 7 e 15 anos darán forma durante dúas semanas en EXPOCoruña ao seu propio proxecto tecnolóxico
ABANCA e Líbolis-Escuela de Valientes poñen en marcha estas festas do Nadal unha proposta formativa e lúdica dirixida a estimular a creatividade de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 15 anos. Trátase da segunda edición do Campus de Emprendemento, que chegará ao recinto de EXPOCoruña do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 5 de xaneiro.
Nesta nova entrega da iniciativa, chamada “Laboratorio de ideas”, fomentarase entre os máis novos o desenvolvemento da creatividade, a imaxinación ou o talento. O campus está proposto como un primeiro contacto co mundo do emprendemento e con valores relacionados como a iniciativa, a curiosidade por innovar ou a aprendizaxe dos erros. Nesta mesma liña, ABANCA lanzará un reto tecnolóxico, un por cada equipo que se forme, sobre cuestións relacionadas co banco e no que os participantes tratarán de aportar solucións innovadoras. O último día da actividade, os nenos e nenas terán a oportunidade de presentar o seu propio proxecto científico nunha gala á que asistirán familias, empresas e medios.
O II Campus de Emprendemento traballa dun xeito distendido entre os nenos e nenas habilidades que poidan resultar de utilidade en etapas posteriores das súas vidas. Ademais do emprendemento, dá claves aos participantes sobre oratoria, comunicación audiovisual, traballo en equipo, ordenación de ideas ou posta en valor das experiencias persoais. Unhas destrezas a impulsar baixo a óptica do razoamento STEAM, que estimula a aprendizaxe en campos como a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, a arte ou as matemáticas.
Con este II Campus de Emprendemento, ABANCA amplía as actividades dirixidas aos más cativos neste período do ano. Nas últimas semanas, a entidade financeira impulsou iniciativas como o primeiro concerto de Nadal da Orquestra ReSuena ou unha recollida de xoguetes para as familias máis desfavorecidas, entre outras accións.
As prazas para participar no campus son limitadas. As inscricións pódense cursar telematicamente a través da web http://libolis.com/campus-navidad-laboratorio-de-ideas ou presencialmente na escola na rúa Juan Flórez, 58 na Coruña.