ABANCA e o Colegio de Farmacéuticos de Badajoz unen esforzos para facilitar o acceso ao crédito
- A entidade financeira e a organización colexial asinan un convenio de colaboración que ofrece a profesionais e as súas familias solucións a medida
- O colectivo accederá non só a opcións de financiamento, senón tamén de xestión de patrimonios a través da súa unidade especializada ABANCA Persoal
ABANCA e o Ilustre Colegio Oficial de Farmacéuticos de la Provincia de Badajoz estreitan a súa colaboración cun convenio a medida que busca dar respostas ás demandas do colectivo. Con este novo convenio, as dúas entidades avanzan en ofrecer alternativas de crédito, pero tamén de asesoramento personalizado, para aqueles profesionais colexiados e as súas familias.
A firma tivo lugar na sede da institución en Badaxoz e nela participaron o presidente dos farmacéuticos pacenses, Cecilio Venegas, e o director territorial de ABANCA en Estremadura/Sur, Óscar Salgado.
Grazas a este novo texto, as dúas entidades poñen a disposición destes profesionais, que estiveron loitando na primeira liña da crise sanitaria da COVID-19, unha ampla gama de produtos e servizos con condicións especiais. Isto tradúcese en solucións a medida para facer fronte ás necesidades do día a día como pólizas de crédito, liñas de desconto ou avais, pero tamén para acometer melloras e investimentos ou reforzar a competitividade con todo tipo de préstamos ou leasing mobiliario. O banco tamén activa as alternativas de financiamento oficial, fundamentalmente a través do ICO, para dar respostas ás necesidades dos colexiados da provincia.
Solucións a medida tamén para o patrimonio
O acordo que alcanzaron as dúas entidades permite desde este momento aos colexiados acceder á oferta a medida de ABANCA Persoal. Grazas a ela, os farmacéuticos de Badaxoz poderán dispoñer de xestores especializados, alternativas de investimento a medida e tamén produtos con condicións especiais como a tarxeta de crédito ABANCA Persoal. Todo iso sen esquecer as vantaxes que ofrece o servizo de asesoramento do banco, Júbilo, que conta con expertos para sacar o máximo rendemento aos seus aforros a través dun plan de pensións.
No acordo detállase que estes profesionais sanitarios poderán beneficiarse de tarifas personalizadas no alta e mantemento dos dispositivos TPV, tanto físicos como virtuais. Ademais, os colexiados e as súas familias terán acceso ás vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.