ABANCA e o Colegio Oficial de Ingenieros Industriales del Principado de Asturias acordan opcións de financiamento para colexiados
- A entidade financeira rubrica un novo convenio co colexio asturiano e ofrece diversas alternativas de financiamento adaptadas ás necesidades do colectivo
- Os colexiados e as súas familias poderán acceder aos servizos de ABANCA Persoal e ABANCA Seguros, que permiten contar con atención especializada e personalizada
ABANCA e o Colegio Oficial de Ingenieros Industriales del Principado de Asturias alcanzaron un novo acordo de colaboración en materia financeira, co obxectivo posto en mellorar o acceso ao crédito dos profesionais colexiados e dos seus familiares.
O decano presidente do Colexio, José Esteban Fernández Rico, e o director de zona de ABANCA en Asturias, José María Jardón Cancio, rubricaron hoxe Oviedo un protocolo de colaboración conxunta que establece condicións especiais na contratación de produtos e servizos da entidade financeira.
O convenio recolle unha ampla oferta de produtos deseñados para mellorar a competitividade deste colectivo de profesionais, entre os que destacan pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, avais ou liñas de desconto. O protocolo estipula tamén que os colexiados nesta organización tamén se poderán beneficiar de fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que ABANCA mantén con diferentes organismos públicos.
Do mesmo xeito, os colexiados tamén poderán acceder a condicións financeiras vantaxosas para atender necesidades persoais ou das súas familias, a través de produtos exclusivos de ABANCA como o Préstamo 24 horas, a Tarifa Plana de Seguros, unha oferta de plans de pensións ou unha selección de fondos de investimento, entre outros.
ABANCA tamén aposta pola formación e o desenvolvemento profesional deste colectivo mediante préstamos para a realización de programas de formación, tanto para colexiados, como para os seus descendentes.
Asesoramento personalizado
A entidade ofrecerá o seu servizo ABANCA Persoal, pensado especificamente para dar cobertura ás necesidades persoais e familiares dos colexiados grazas a unha unidade especializada dirixida para prestar un servizo de asesoramento e xestión integral. Ademais, accederán a un catálogo de produtos propio adaptado ás súas peticións de rendibilidade e risco. Tamén contarán con xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica.
Así mesmo, os colexiados e as súas familias poderán acceder ás vantaxes do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e as súas tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.