ABANCA e o Foro Marítimo Vasco exploran novas fórmulas de financiamento para o sector
- O banco e a institución impulsan alternativas de crédito que responden as necesidades do colectivo
- A entidade financeira, que se incorporou como socio do organismo este mesmo ano, organizou recentemente nunha xornada na sede do Foro para dar a coñecer a súa oferta adaptada ao segmento
ABANCA e o Foro Marítimo Vasco rubricaron esta mañá na sede do organismo un novo convenio de colaboración que dá resposta ás necesidades do colectivo cunha oferta financeira vantaxosa e específica.
O director xerente do Foro Marítimo Vasco, Javier López de Lacalle, e o director do Centro de Empresas de ABANCA en Bilbao, Miguel Fernandino Salazar, rubricaron hoxe na capital biscaíña un acordo que supón un novo paso na liña de colaboración que manteñen ambas as entidades.
Os case 150 asociados, que representan a preto de 240 empresas deste sector, poderán acceder a algún dos produtos deseñados polo banco para o colectivo. ABANCA activa desde este momento unha póliza de crédito específica con xuros moi baixos e sen comisións, pensada para facer fronte á falta puntual de ingresos.
Toda a oferta de ABANCA para o colectivo tamén inclúe préstamos persoais sen xuros ou comisións con amplos prazos de amortización, produtos para aprazar o pago de impostos, liñas de comercio exterior, leasing mobiliario, avais ou desconto comercial.
O texto asinado tamén dá entrada a produtos demandados polo colectivo para acometer investimentos. É o caso da hipoteca naval, pensada especificamente para dar resposta ao proceso de renovación de frota que vive o sector. Trátase dunha alternativa de financiamento flexible, con amplos prazos de amortización e adaptada a importes elevados.
Unha estreita colaboración
A entidade financeira incorporouse como socio do organismo no primeiro trimestre deste ano. Precisamente tras producirse esa entrada, ABANCA e o Foro Marítimo Vasco organizaron unha xornada para medio cento de empresarios centrada en dar a coñecer a proposta e a experiencia do banco no mundo do mar. Neste acto participaron o director de ABANCA Empresas e Pemes, Víctor Casal, o director de Banca Corporativa e Especializada de ABANCA, Marcos Oubiña; e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga.
O banco lanzou hai case dous anos a súa unidade especializada ABANCA Mar, que se centra en dar respostas a toda a cadea de valor do sector. Este compromiso da entidade financeira co segmento inclúe desde produtos deseñados ad hoc para as necesidades do colectivo até xestores altamente formados.