ABANCA e o grupo ASVA colaboran con novas fórmulas de crédito para transportistas
- A entidade financeira confecciona unha oferta de financiamento a medida das necesidades deste colectivo dedicado ao movemento de terras e transporte de graneis e mercadorías
- O banco ofrece respostas para facer fronte aos gastos correntes, simplifica a concesión de avais e permite fraccionar o pagamento dos seguros de camións mediados por ABANCA
ABANCA e o grupo ASVA estreitan a súa colaboración grazas a un convenio que facilita aos preto de 60 transportistas da cooperativa o acceso a produtos de financiamento. O texto rubricado esta mañá en Oviedo activa desde este momento novas fórmulas de crédito que se axustan ás necesidades do colectivo.
Na firma, que tivo lugar na sede da dirección de zona de ABANCA en Asturias, participaron o presidente de ASVA, Juan Carlos Martínez, e o director de zona de ABANCA en Asturias, José María Jardón. O novo convenio dá entrada ás peticións dos transportistas e pon o foco especialmente en fórmulas áxiles de financiamento.
Os cooperativistas de ASVA poden contratar unha póliza de crédito creada para responder ás tensións de tesouraría que se producen no desempeño da súa actividade económica. Cun xuro moi atractivo e un importe máximo axustado a cada transportista, este produto é idóneo para facer fronte aos gastos correntes que se producen antes de cobrar un traballo.
A oferta de financiamento complétase con liñas de avais, especialmente necesarios para optar a concursos convocados polas administracións como garantía para iniciar un servizo, e financiamento sen xuros para fraccionar as primas de seguros de camións mediados por ABANCA.
Os transportistas de ASVA tamén poderán eliminar grazas a este convenio as comisións máis habituais á hora de operar e tamén nos produtos contratados máis frecuentes como contas e tarxetas.
Por último, o acordo entre as dúas entidades serve para dotar a estes profesionais de toda a oferta de solucións a distancia de ABANCA. Trátase dunha ampla gama de alternativas tecnolóxicas, a través de aplicacións, que permiten realizar consultas, xestionar operacións, ordenar pagos instantáneos ou operar con divisas.
O grupo ASVA é unha cooperativa especializada no sector do transporte por estrada, nacida en 1984. Conta cuns 60 cooperativistas que operan fundamentalmente desde o mercado asturiano. ABANCA, pola súa parte, é a entidade financeira de referencia no noroeste español, cunha rede de case 700 oficinas e unha clara orientación cara ao tecido empresarial.