ABANCA e os Armadores de Burela asinan un convenio que impulsa o financiamento ao sector
- A entidade financeira intensifica o seu apoio ao sector do mar coa firma dunha decena de convenios no último medio ano cos principais produtores, vendedores, armadores e confrarías de Galicia
- O banco conta dende xuño cunha unidade especializada para o sector primario, ABANCA Agro e Mar, cunha rede de 200 oficinas e 600 xestores
ABANCA e Armadores de Burela, S.A. reforzaron a súa colaboración coa rúbrica dun convenio financeiro. Grazas a este texto, estes profesionais accederán á oferta económica para o sector pesqueiro lanzada polo banco con sede en Galicia.
Na firma, que tivo lugar en Burela está mañá, participaron o director de ABANCA Agro e Mar, Jesús Combarro Pereira, e o presidente de Armadores de Burela,S.A., Abelardo Basanta Fra.
O apoio do banco céntrase en ofrecer un amplo catálogo de financiamento adaptado ás necesidades deste colectivo. Ofrécense fórmulas en condicións especiais para dar resposta a algunhas das problemáticas do sector. Entre os principais produtos destacan unha conta de crédito que pode chegar ata un prazo máximo de cinco anos e que permite acompasar os pagos e os cobros das mareas, así como cubrir os déficits de tesourería que provocan os amarres por ausencia de cota ou os paros biolóxicos que afectan ao sector. A entidade tamén pon a disposición dos asociados a posibilidade de anticipar subvencións e impostos para atender á operatoria das empresas pesqueiras.
O texto firmado inclúe liñas de desconto para anticipar pagarés, así como unha liña de comercio exterior que suple as necesidades de crédito que deben atender as embarcacións que operan noutros países. Por último, ABANCA ofrece financiamento con garantía persoal que poden estenderse ata 12 anos sen comisións ou gastos e que complementa as liñas específicas dos convenios oficiais do ICO ou Igape, que tamén teñen cabida neste convenio.
Intensifícase a aposta polo mar
Este acordo é unha mostra da aposta de ABANCA polo sector do mar. O banco con sede en Galicia firmou no último medio ano unha decena de acordos con entidades relacionadas con este sector, entre os que destacan os principais armadores, confrarías, produtores ou vendedores de Galicia. A maior parte destes acordos alcanzáronse por primeira vez neste exercicio e está previsto renovar nos próximos meses outros convenios subscritos o pasado ano.
ABANCA dá resposta a este colectivo grazas a unha rede comercial con presenza na inmensa maioría das localidades costeiras de Galicia e a posta en marcha o pasado mes de xuño de ABANCA Agro e Mar. Esta unidade especializada do banco conta cun equipo de 600 xestores en 200 oficinas que recollen as principais demandas do sector primario.