ABANCA e os gandeiros de raza parda de montaña firman un convenio para afrontar o desafío da modernización das explotacións
- A entidade financeira ofrece á Federación Española de Raza Parda de Montaña opcións de crédito para mellorar a eficiencia enerxética e o aproveitamento das enerxías limpas nas súas explotacións
- ABANCA tamén pon a disposición dos gandeiros, xestores especializados grazas a súa división ABANCA Agro
ABANCA e a Federación Española de Raza Parda de Montaña (FERPAM), que se agrupa dentro da Federación Española de Asociacións de Criadores de Vacuno Selecto, firmaron esta mañá un convenio financeiro que axuda aos federados con opcións de crédito para atender as principais demandas do sector gandeiro en España.
Esta sinatura, que evidencia o compromiso de ABANCA co sector gandeiro e co texido produtivo do noso país, tivo lugar en León e contou coa asistencia do presidente da federación, José Abel Colado Azpiazu, o director de zona de ABANCA en León Provincia, Pedro Vidal Núñez e o coordinador de ABANCA Agro, Alfonso García Marcos.
O convenio pon a disposición dos federados a oferta sectorial de ABANCA en condicións melloradas, que aborda especialmente algunhas das necesidades máis esenciais do sector agrogandeiro. Os produtores e gandeiros poderán acceder a préstamos específicos con prazos de amortización amplos e xuros baixos. Así como liñas de comercio exterior, financiamento a través de leasing, confirming, factoring, avais e anticipos de subvencións ou impostos, como o Anticipo PAC ou o Préstamo Gastos Campaña a 6 meses, ademais de financiamento ata 12 anos para inversións.
Os gandeiros tamén se poderán beneficiar do Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. Así mesmo, poderán desfrutar das fórmulas de financiamento oficiais incluídas nos convenios que a entidade financeira mantén con diversos organismos públicos.
Como non podería ser doutro xeito, tamén poderán gozar de todas as vantaxes que ofrece a Banca Electrónica, como a aplicación de Banca Móbil, o Bróker Online ou o servizo de ABANCA Pay, entre outros.
Solucións específicas para un sector agrogandeiro sostible
Grazas a este texto, e ao compromiso de ABANCA como entidade fundadora dos Principios de Banca Responsable, os gandeiros federados poderán acceder a alternativas de financiamento con condicións melloradas para os investimentos relacionados coa sostibilidade. Esta nova liña inclúe respostas para a mellora da eficiencia enerxética, a modernización das explotacións, a adquisición de vehículos eléctricos ou híbridos, o aproveitamento das enerxías limpas e outras medidas que supoñan un aforro do consumo eléctrico e axuden a respectar o medioambiente.
Do mesmo xeito, co ánimo de optimizar a calidade do servizo que se presta aos gandeiros, e dar unha atención máis personalizada ao sector, ABANCA poñerá á súa disposición persoal especializado en xestión de seguros, quen asesorará das pólizas que mellor se adapten ás súas necesidades. O banco ofrecerá aos gandeiros seguros específicos para o sector como a liña Agro Seguro, o Seguro de Explotación Agraria, ou o de Maquinaria Agrícola, entre outros. As primas destes seguros poderán financiarse sen xuros e pagar de maneira fraccionada ata en 12 meses.
Esta sinatura segue a liña dos acordos rubricados nos últimos meses con outras asociacións e cooperativas ligadas ao sector gandeiro, ao tratarse dun dos sectores máis relevantes da nosa economía produtiva. Por iso, ABANCA segue traballando nunha oferta que dea resposta ás súas necesidades. Todo grazas a unha división especificamente encamiñada a atender e apoiar os profesionais deste sector: ABANCA Agro.