ABANCA e Terra de Homes traen a Galicia á activista mauritana Aminetou Mint Ely
- ABANCA e a Fundación Terra de Homes presentaron na Coruña o Foro ABANCA Responsable e a Gala Solidaria da ONG
- O Foro Responsable, que conta entre os seus membros iniciais con 40 empresas e institucións, impulsará a xestión empresarial ética en Galicia
- A Gala Solidaria de Terra de Homes recoñecerá o apoio de diferentes persoas, empresas e institucións ao seu labor en favor da infancia
- Aminetou Mint Ely tomará parte en ambas as iniciativas e será premiada na Gala pola súa traxectoria en defensa dos dereitos humanos
ABANCA e a Fundación Terra de Homes presentaron esta mañá a súa liña de colaboración no terreo da acción social, froito da cal entre hoxe e mañá celebraranse na Coruña a primeira actividade do recentemente creado Foro ABANCA Responsable e unha nova edición da Gala Solidaria da ONG en Galicia.
O evento de presentación de ambas as iniciativas tivo lugar na sede de ABANCA na Coruña coa presenza de Tatiana Suárez, directora de Responsabilidade Social Corporativa da entidade financeira, Raúl Besada, delegado da Fundación Terra de Homes en Galicia, e Aminetou Mint Ely, activista social en defensa dos dereitos humanos e presidenta da Asociación de Mulleres Cabeza de Familia (ASCF) de Mauritania, quen participará tanto na primeira actividade programada polo Foro como na Gala Solidaria.
“O Foro ABANCA Responsable, que nace do noso compromiso co tecido empresarial galego, está aberto á colaboración con outras entidades e institucións e traballará para promover unha forma de entender os negocios na que a ética ocupe un lugar central”, sinalou Tatiana Suárez, directora de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA.
Pola súa banda, Raúl Besada, delegado en Galicia da Fundación Terra de Homes, deu a coñecer o traballo que realiza Aminetou Mint e o apoio que desde Terra de Homes recibe desde fai varios anos para levalo a cabo.
Impulso á responsabilidade social empresarial en Galicia
O Foro ABANCA Responsable é unha iniciativa de ABANCA que nace co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento da responsabilidade social empresarial (RSE) en Galicia a través do fomento e aplicación de modelos de xestión responsable nas empresas da comunidade. O Foro ABANCA Responsable conta entre os seus 40 membros iniciais con algunhas das empresas, asociacións e institucións máis representativas da economía e o tecido social de Galicia.
Como funcións a desenvolver, o Foro ABANCA Responsable promoverá a defensa da xestión responsable, fomentará o seu recoñecemento público, estudará e proporá iniciativas, normativas e actuacións orientadas á consecución dun marco legal favorable á súa aplicación, promocionará e difundirá as boas prácticas entre empresas, asociacións e institucións, e acompañará e tutelará a outras entidades no proceso de implantación de sistemas de xestión responsable.
Tras a súa presentación, o Foro Responsable ABANCA desenvolverá esta tarde a súa primeira actividade: unha conferencia de Aminetou Mint Ely na que a activista exporá o proxecto Petites Bonnes, iniciativa desenvolvida en colaboración con Terra de Homes para combater a explotación laboral doméstica de nenas en Mauritania.
Gala Solidaria: recoñecemento ao compromiso social
Por outra banda, pola súa traxectoria en defensa dos dereitos humanos, especialmente da infancia, Aminetou Mint Ely recibirá o Recoñecemento de Honra na Gala Solidaria da Fundación Terra de Homes que terá lugar mañá venres no Centro Sociocultural Ágora da Coruña.
A Fundación Terra de Homes, dedicada á acción directa en favor da infancia, premia neste evento o labor de apoio que lle prestan diferentes persoas, institucións e empresas para o desenvolvemento da súa actividade. A gala, organizada en colaboración con ABANCA, o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña, será presentada por Liño Braxe e contará coa participación de Coro Cantabile, a Escola de Danza Druida, o Grupo de Teatro do ONCE e a cantante Yhadira.
Fundación Terra de Homes - España naceu en 1994 dentro do Movemento Internacional Terre des Hommes e forma parte da Federación Internacional Terra de Homes, segunda agrupación mundial de ONGD de atención á infancia. Con máis de vinte galardóns polo seu labor humanitario, Terra de Homes actúa en países de Asia, África e América Latina a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento executados en tres niveis: saúde maternoinfantil, protección da infancia e crises humanitarias.
En España leva a cabo campañas de educación e sensibilización co obxectivo de concienciar á sociedade sobre diferentes temáticas, como migración, explotación sexual ou laboral, e diferencias norte-sur. Desenvolve ademais iniciativas como o programa sanitario Viaxe cara á vida, que posibilita o traslado e tratamento médico en España de nenos e nenas africanos gravemente enfermos que nos seus países de orixe non poden ser atendidos.
Dereitos humanos e da infancia
Terra de Homes mantén desde hai anos unha estreita colaboración con Aminetou Mint Ely plasmada no desenvolvemento de proxectos en común. A activista mauritana visita por primeira vez Galicia da man de Terra de Homes e ABANCA para dar a coñecer a súa loita polos dereitos humanos, e en especial a súa batalla contra a escravitude, o tráfico de persoas e o traballo de menores como empregadas do fogar no seu país.
Aminetou Mint Ely foi candidata ao Premio Nobel da Paz en 2015. En 2010 recibiu o recoñecemento ao seu labor por parte do Departamento de Estado de Estados Unidos. En 2006 recibiu o Premio de Dereitos Humanos da República Francesa. A Universidade de Georgetown (Estados Unidos) considerouna como unha das 500 personalidades máis influentes no mundo islámico.
ABANCA Responsabilidade Social Corporativa
A creación do Foro ABANCA Responsable e a colaboración coa Fundación Terra de Homes forman parte da estratexia de Responsabilidade Social Corporativa que a entidade financeira vén desenvolvendo desde a súa creación.
Nela destacan, entre outras moitas accións de tipo social, educativo e cultural, a posta en marcha dun programa de educación financeira para nenos e adolescentes, as medidas de protección para debedores hipotecarios, a colaboración con Afundación para o desenvolvemento da súa acción educativa, social e cultural, a difusión da Colección de Arte ABANCA, a educación en valores a través do deporte e da cultura, ou o programa de Voluntariado Corporativo.