ABANCA e UGAL-UPA pactan novas fórmulas para mellorar o acceso ao crédito aos agricultores de León
- Os traballadores do campo poderán beneficiarse de anticipos das axudas da PAC, ademais doutras subvencións
- Poderán afrontar investimentos coa máxima tranquilidade grazas a un préstamo persoal ou leasing para o sector agrogandeiro e beneficiarse dunha póliza de crédito pensada para financiar as necesidades de liquidez do día a día
ABANCA e a Unión de Ganaderos y Agricultores de León (UGAL-UPA) acaban de renovar a súa colaboración cun novo convenio que dá resposta ás principais necesidades do colectivo. O documento céntrase en gran medida en facilitar a tramitación e anticipo das axudas da PAC e outras subvencións habituais.
A firma contou coa presenza do secretario xeral de UGAL-UPA León, Matías Llorente Liébana, e o director territorial de ABANCA en León e Asturias, Marcos Lamas Seoane. O acordo, impulsado polas dúas entidades, serve para escenificar o compromiso de ambas coa viabilidade do campo na provincia.
O novo texto aposta decisivamente por facilitar o acceso ao crédito aos agricultores, incidindo no abono anticipado das axudas da PAC. Así, os asociados terán a opción de tramitar axilmente a solicitude destas axudas europeas e anticipar ata o 90% do importe cunhas condicións moi atractivas.
Os agricultores asociados a UGAL-UPA poderán acceder tamén a un amplo catálogo de financiamento adaptado ás súas demandas. Para afrontar as necesidades de liquidez terán á súa disposición unha póliza de crédito que pode chegar ata a cinco anos e que supón un aforro importante en gastos de intervención notarial. Ademais, poderán facer fronte aos gastos derivados da campaña, cun límite de 10.000 euros, grazas a un préstamo cun tipo de xuro cero e unha reducida comisión de apertura.
Doutra banda, para afrontar investimentos e permitir poñer en marcha proxectos con total tranquilidade, ABANCA ofrece un préstamo persoal cun prazo de amortización de ata 12 anos, cunhas condicións moi competitivas, un instrumento financeiro que tamén pode contratarse en forma de leasing e cun prazo adaptado á vida útil do ben.
A oferta complétase con condicións melloradas na contratación doutros produtos de activo, dentro da oferta ao sector agrario, que permiten atender calquera necesidade financeira dos asociados. En particular, o banco ofrece unha ampla gama de seguros agrarios para facer fronte a calquera imprevisto e outras liñas de financiamento, como anticipos doutras subvencións a maiores da PAC, devolución de impostos e, mesmo, o financiamento do pago de tributos. Todo isto, ademais, coas vantaxes do Programa Cero Comisións posto en marcha pola entidade financeira, que permite deixar de pagar polas contas, tarxetas e operacións máis habituais coa domiciliación das axudas da PAC.
Por último, os agricultores poderán aproveitar as diferentes liñas de financiamento oficial que ABANCA ten subscritas con organismos públicos como o Instituto de Crédito Oficial (ICO) ou a Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA). En concreto, o banco sumouse ao Instrumento Financiero de Gestión Centraliza, que supón garantir o financiamento solicitado ao amparo deste convenio ata o 80%. A entidade tamén mantén acordos coas Sociedades de Garantía Recíproca nacionais.
Con esta firma, ABANCA completa a renovación dos convenios que mantén cos principais sindicatos agrarios de León. Na actualidade, a entidade marcouse como obxectivo reforzar aínda máis o seu posicionamento como entidade financeira de referencia para o sector primario da zona noroeste e seguir mellorando o servizo prestado a este segmento. A entidade conta cunha oferta financeira sectorial e solucións deseñadas a medida para dar resposta ás necesidades do sector, grazas á creación dunha división especifica: ABANCA Agro.