ABANCA e Univergy Internacional alíanse para impulsar as enerxías renovables no sector primario
- A entidade financeira ofrece financiamento aos clientes de Univergy que adopten estas solucións nas súas explotacións agrícolas e gandeiras en España
- A rúbrica, que tivo lugar en León, supón un apoio á modernización e mellora da eficiencia no sector primario
ABANCA e Univergy Internacional asinaron un acordo de colaboración para a aplicación dunha oferta financeira aos clientes da empresa hispano-xaponesa. Este texto rubricado en León está dirixido a aqueles que realicen investimentos en instalacións de enerxías renovables (tanto solar como eólica ou biomasa) destinadas a mellorar a capacidade tecnolóxica e produtiva da explotación agrícola ou gandeira en todo o territorio nacional.
Javier Arkotxa, director xeral executivo de Univergy Internacional, sinalou que “este acordo suporá unha vía de financiamento para que os nosos clientes poidan mellorar a súa competitividade a través dos máis avanzados sistemas tecnolóxicos nas súas explotacións agrícolas ou gandeiras a nivel nacional”.
Pola súa parte, Jesús Combarro, director de ABANCA Agro indicou que “este acordo supón unha oferta financeira para un colectivo cun peso relevante na nosa economía como é o agrícola e gandeiro, nun sector como é o das enerxías renovables, que cada vez adquire un maior protagonismo na modernización do campo español en xeral, xunto á utilización de outras tecnoloxías”.
O texto rubricado pon a disposición deste colectivo a oferta específica da entidade financeira para o sector. Trátase dunha ampla gama de produtos de crédito que se adapta ás súas necesidades. Entre eles destaca o préstamo para investimentos agrogandeiros, que ofrece un amplo período de amortización de ata 12 anos e elimina as principais comisións. Os interesados tamén terán á súa disposición outros produtos de financiamento como o confirming, as liñas de Comex para apoiar a internacionalización, o préstamo gastos campaña a tipo de xuro cero ou os anticipos de subvencións ou impostos. Os clientes de Univergy tamén accederán á oferta de seguros de ABANCA.
Estas alternativas de financiamento permitirán o desenvolvemento de instalacións solares fotovoltaicas, aproveitando a experiencia que ofrece Univergy desde hai 20 anos en Castela e León. Estes equipamentos abarcan todo tipo de bombas e potencias sen importar o sistema de rego do que dispoña o agricultor (pívot, cobertura ou goteo). Os sistemas que se instalan demostraron, tras miles de horas de funcionamento, unha baixada da factura enerxética do agricultor nun 85%, ao tempo que se produce un incremento da produción agrícola pola maior dispoñibilidade de auga e xestión do rego.
As instalacións de bombeo agrícola de Univergy integran no sector da agricultura un sistema de xestión de enerxía que permite un uso racional da auga, xunto a un control sinxelo polo agricultor. A fiabilidade das instalacións queda acreditada cunha garantía de cinco años. O investimento ten un prazo de amortización de cinco anos aproximadamente e a vida útil destes equipos supera amplamente os 20 anos.
Sobre UNIVERGY
Univergy International é unha empresa hispano-xaponesa especializada no desenvolvemento de proxectos de enerxías renovables cunha presencia internacional en 12 países do mundo. Conta cun amplo know-how de máis de 20 anos no desenvolvemento de proxectos de xeración de enerxía desde fontes renovables, cunha carteira de proxectos en desenvolvemento superior a 3,1 GW.
Univergy Internacional, entre as súas distintas áreas de negocio, está especializada no desenvolvemento, fabricación e montaxe de instalacións de xeración de enerxía solar fotovoltaica para bombeo a sistemas de rego agrícola. Estes sistemas de bombeo para rego agrícola son os máis sofisticados, fiables e eficientes do mundo ao dotalos de tecnoloxía xaponesa.
Sobre ABANCA
ABANCA é unha das entidades de referencia no panorama financeiro do noroeste español aínda que tamén con presenza no resto do territorio nacional e a nivel internacional. A través da súa unidade especializada ABANCA Agro ofrece solucións adaptadas ás necesidades do colectivo. Esta rúbrica permite seguir apostando pola modernización das instalacións e a mellora da eficiencia enerxética do sector primario.