ABANCA e Univergy International renovan a súa colaboración para potenciar a sostibilidade do sector primario
- As dúas entidades dan un novo impulso a un texto que naceu no 2018 e que se compromete coa implantación de enerxías renovables en explotacións agrícolas e gandeiras
- O banco ofrece aos clientes de Univergy financiamento áxil para o despregamento da tecnoloxía da firma hispano-xaponesa, especialmente nos campos de enerxía solar, eólica e biomasa
ABANCA e Univergy International acaban de reimpulsar o traballo conxunto que manteñen desde o pasado ano, grazas a un novo convenio de colaboración. Os novos produtos, especialmente deseñados, buscan financiar os investimentos en instalacións de enerxías renovables (tanto solar, como eólica ou biomasa) destinadas a mellorar a capacidade tecnolóxica e produtiva da explotación agrícola ou gandeira en todo o territorio nacional.
Ignacio Blanco, presidente de Univergy International, e Alfonso García, coordinador de ABANCA Agro, foron os encargados de firmar un texto que permite ás dúas entidades avanzar na aplicación dunha oferta financeira para os clientes da empresa hispano-xaponesa, co obxectivo posto na sostibilidade.
Dun xeito máis concreto, o convenio renovado pon a disposición deste colectivo a oferta específica da entidade financeira para o sector. Para facer fronte ás alternativas que ofrece Univergy, son especialmente útiles tanto o préstamo para investimentos agrogandeiros, que ofrece un amplo período de amortización de ata 12 anos e elimina as principais comisións, como o leasing mobiliario.
Os interesados tamén terán á súa disposición outros produtos de crédito á medida como o confirming, as liñas de Comex para apoiar a internacionalización, o préstamo gastos campaña a tipo de xuro cero ou os anticipos de subvencións ou impostos. Todo iso sen esquecer que os clientes de Univergy tamén accederán á oferta de seguros de ABANCA, que ofrece a atención máis especializada e as pólizas que mellor se adaptan a cada necesidade.
Estas alternativas de financiamento permitirán o desenvolvemento de instalacións solares fotovoltaicas, aproveitando a experiencia que ofrece Univergy desde hai 20 anos en Castela e León. Estes equipamentos abarcan todo tipo de bombas e potencias sen importar o sistema de rego do que dispoña o agricultor (pívot, cobertura ou goteo). Os sistemas que se instalan demostraron, tras miles de horas de funcionamento, unha baixada da factura enerxética do agricultor nun 85%, ao tempo que se produce un incremento da produción agrícola pola maior dispoñibilidade de auga e xestión do rego.
As instalacións de bombeo agrícola de Univergy integran no sector da agricultura un sistema de xestión de enerxía que permite un uso racional da auga, xunto a un control sinxelo polo agricultor. A fiabilidade das instalacións queda acreditada cunha garantía de cinco anos. O investimento ten un prazo de amortización de cinco anos aproximadamente e a vida útil destes equipos supera amplamente os 20 anos.