ABANCA elimina dende hoxe comisións a máis dun millón de clientes
- Os clientes do banco poderán beneficiarse do programa Cero Comisións a cambio duns requisitos accesibles
ABANCA inicia hoxe o programa Cero Comisións, que exime de forma automática a máis dun millón de clientes do pagamento das comisións polas operacións e servizos máis habituais.
Dende hoxe, 1.120.000 clientes particulares (con nómina ou pensión domiciliada ou ingresos regulares, menores de 30 anos e persoas que utilizan canles online ou de autoservizo) e 62.000 autónomos, profesionais liberais, comerciantes e micropemes non pagarán polo mantemento e administración das súas contas, polas súas tarxetas, ingresos de cheques ou transferencias.
O programa, transparente, accesible e innovador no mercado, premia a vinculación dos clientes e o uso de canles alternativas á oficina, e non esixe nin a contratación dun determinado produto nin permanencia. Os clientes da entidade poderán beneficiarse do programa Cero Comisións de ABANCA a cambio duns requisitos básicos, como ter domiciliada a nómina ou pensión (sen importe mínimo) ou contar con ingresos regulares. Ademais, tamén entrarán no programa aqueles clientes que dispoñan dunha conta sen cartilla, banca electrónica, realicen tan sequera dúas compras ao mes con tarxeta de débito, ou teñan rexistrado na base de datos de ABANCA o teléfono móbil e o correo electrónico.
Caixeiros gratis en todo o mundo
Cero Comisións establece tres niveis de servizo en función da vinculación do cliente co banco. Os clientes con maior vinculación non pagarán comisións de mantemento nin de administración polas súas contas, nin por transferencias, ingresos de cheques nacionais en euros, nin polo servizo de avisos por SMS. Tampouco pagarán pola súa tarxeta de crédito nin pola de débito, e poderán retirar diñeiro gratis coa súa tarxeta de débito ABANCA en calquera caixeiro do mundo fóra de Galicia, sen límite de operacións nin de importe.
Ademais, os autónomos, profesionais liberais, comerciantes e micropemes de nivel 3 terán tarifas especiais no cobro de recibos e na taxa de desconto de TPV.
O programa réxese por unhas bases claras e sinxelas, depositadas ante notario, que se poden consultar en calquera oficina de ABANCA e na páxina web da entidade, www.abanca.com, onde tamén está dispoñible un simulador para coñecer de xeito personalizado que operacións e servizos poden estar exentos de comisións.