ABANCA entrega a Cáritas e Aldeas Infantiles SOS máis de 4.100 xoguetes para nenos de familias desfavorecidas
- A entidade recolleu xoguetes entre o 11 e o 22 de decembro nos locais habilitados en A Coruña e Vigo dentro da súa campaña solidaria ‘A ilusión crece cando se comparte’
- Un total de 89 empregados e empregadas do banco participaron como voluntarios atendendo os locais e organizando os xoguetes recibidos
A iniciativa solidaria de recollida de xoguetes de ABANCA, ‘A ilusión crece cando se comparte’, conseguiu reunir en total máis de 4.100 xoguetes desde que se puxo en marcha o pasado 11 de decembro. Todos eles serán entregados a Cáritas na Coruña e a Aldeas Infantiles SOS en Vigo, que se encargarán de repartilos entre nenos e nenas de familias galegas con menos recursos durante este Nadal.
A directora de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA, Tatiana Suárez Cancelo, mostrouse moi agradecida cos voluntarios de ABANCA e Cáritas, ademais de coas empresas que doaron xoguetes na campaña: “O importante son os nenos, que teñan uns Reis Meigos de verdade. Este é o único espírito que move esta iniciativa”. Pilar Farjas, directora de Cáritas Interparroquial da Coruña, foi a encargada de recoller os xoguetes doados na cidade herculina, destacando o apoio de ABANCA por segundo ano consecutivo para que moitos nenos teñan un agasallo novo e por estrear estas festas. No acto de entrega da Coruña estivo presente tamén o director territorial de ABANCA, Gerardo Fuertes.
En Vigo, foi o director territorial de ABANCA, Jorge Martínez, acompañado dos voluntariosAna Montero, Rosina Fernández e Carlos Saco, o responsable de facer entrega a Martha Revuelta Castro, representante de Aldeas Infantiles, de todos os xoguetes doados no local durante estas dúas semanas. Martínez destacou a implicación dos clientes da entidade financeira na campaña solidaria.
Os xoguetes foron doados polos empregados e empregadas da entidade galega, ademais de por clientes, comercios e outras persoas que quixeron colaborar coa iniciativa desde o pasado 11 de decembro. Así mesmo, habilitouse un número de conta solidario para facer doazóns. Todo o diñeiro recadado por esta vía tamén se destinou a comprar máis xoguetes que irán parar a mans de nenas e nenos galegos.
Voluntariado corporativo ABANCA
Para que a campaña solidaria funcionara correctamente, os locais habilitados por ABANCA foron atendidos por 89 empregados e empregadas que participan no programa de voluntariado da entidade e que se encargaron de recoller e organizar todos os xoguetes recibidos neste período.