ABANCA entrega na Guarda e Santiago os premios do proxecto de educación financeira Segura-Mente ABANCA
- A Obra Social ABANCA puxo en marcha este curso a iniciativa co fin de acercar aos escolares a cultura da prevención
- Os equipos de 5º de Primaria do CEIP As Solanas da Guarda e de 4º de ESO do colexio Divino Maestro de Santiago presentaron os mellores traballos
A Obra Social ABANCA vén de entregar os premios da primeira edición do proxecto de educación financeira Segura-Mente ABANCA ao CEIP Plurilingüe As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo da Guarda e ao Centro Plurilingüe Colexio Divino Maestro de Santiago de Compostela, gañadores do concurso nas categorías de 3º a 6º de Primaria e de 1º a 4º de ESO e FP Básica, respectivamente.
Os traballos presentados polos equipos destes dous centros escolares galegos destacaron entre todos os recibidos pola súa orixinalidade, singularidade e calidade, así como pola súa creatividade. Nesta primeira edición do programa participaron en total 70.961 alumnos e alumnas de entre 8 e 16 años de 274 centros escolares de toda España.
O director da oficina de ABANCA na Guarda, Juan Jesús González, foi o encargado de realizar a entrega do galardón, unha experiencia educativa para gozar en grupo, á clase de 5º de Primaria do CEIP As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo. No acto participaron tamén Iris Gómez e Gloria Baz, as dúas profesoras que lles deron apoio para realizar o mural colaborativo no que reflectiron todas as cousas que lles gustaría asegurar.
O equipo de 4º de ESO do colexio Divino Maestro de Santiago e as súas profesoras Elvira García, Raquel Rey e Mónica Fernández recibiron tamén o seu premio, outra experiencia educativa para toda a clase, da man de Sonia Lucio, directora comercial de ABANCA Seguros, e Ana Mirás Chico, directora da oficina Santiago-Rosalía de Castro de ABANCA. Nesta categoría, os estudantes elaboraron un completo proxecto para crear unha start-up no ámbito dos seguros pensada por e para adolescentes, no que incluíron o nome e logotipo da empresa, o seu modelo de negocio, a estratexia de mercado e o público obxectivo ao que se dirixía.
Aposta pola educación financeira
O programa Segura-Mente ABANCA foi unha das grandes apostas do banco no ámbito da educación financeira para este curso escolar, xunto co programa de simulación empresarial Young Business Talents. O obxectivo principal da iniciativa é sensibilizar a nenos e mozos na cultura da prevención de riscos e valorar a importancia dos seguros como unha inversión ante os imprevistos da vida, de acordo coas recomendacións da OCDE para mellorar a educación financeira da cidadanía e capacitar ás próximas xeracións para tomar decisións informadas na vida adulta.
O certame desenvolveuse a través da web www.programaseguramenteabanca.com para facilitar a participación do maior número de escolares posible, independentemente da súa situación xeográfica. Neste espazo facilitouse aos docentes o material didáctico necesario para traballar os contidos nas aulas e desenvolver o traballo final.
A iniciativa forma parte do programa de educación financeira que desenvolve a Obra Social ABANCA desde 2015, que se caracteriza por ser universal e inclusivo, cunha ampla variedade de actividades dirixidas a mellorar a cultura financeira dos diferentes colectivos sociais, desde a infancia ata os maiores de 60 anos.