ABANCA escenifica o seu compromiso co mundo do mar e renova o seu acordo coas confrarías do sur de Galicia
- A entidade financeira reúne aos principais pósitos da ría de Vigo nun evento onde escoita as súas peticións e ofrece solucións a medida
- O banco presenta a súa liña de financiamento multidestino para o sector pesqueiro, o produto máis flexible para o colectivo
- Cuestións como a rexeneración das rías, o aumento dos custos operativos ou a proximidade da campaña do Nadal son o eixo central da reunión
O director territorial de ABANCA en Vigo, Walter Álvarez (terceiro pola esquerda) e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga (quinto pola esquerda), co resto de representantes de ABANCA e das confrarías da área de Vigo.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
No centro da imaxe, o director territorial de ABANCA en Vigo, Walter Álvarez, e o director de ABANCA Mar, Javier Fraga, durante a renovación dos convenios coas confrarías da área de Vigo.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA volveu asociarse cun dos colectivos máis importantes da economía produtiva do sur de Galicia: as confrarías de pescadores. A entidade financeira escenificou o seu apoio ao mundo do mar cun encontro especializado ao que convidou aos principais representantes das confrarías máis importantes da ría de Vigo e que tamén serviu para renovar os seus convenios financeiros.
A sesión de traballo tivo lugar na sede institucional do banco na cidade e contou coa presenza de Walter Álvarez, director territorial de ABANCA en Vigo; Javier Fraga, director de ABANCA Mar; e outros representantes da rede comercial do banco. Tamén estiveron presentes os patróns e patroas maiores das confrarías de pescadores da área de Vigo.
A reunión comezou coa sinatura dos convenios de colaboración en materia financeira que o banco mantén cos pósitos. Uns textos que recollen os produtos e servizos máis importantes dispoñibles para o colectivo e que permiten responder ás súas principais necesidades. Todo isto dentro da oferta sectorial a medida que o banco deseña para o mundo do mar.
Como é habitual, o crédito é o eixo central desta renovación. Nos documentos xa en vigor recóllense opcións tanto para as necesidades cotiás como para afrontar con garantías grandes investimentos. Destacan especialmente solucións como os plans de rexeneración do marisqueo, un financiamento deseñado para dar certeza ante a difícil situación que afecta aos bancos marisqueiros e dirixido ao sementado e recuperación produtiva das nosas rías. Na mesma liña, destaca o anticipo ante paros biolóxicos, para ofrecer financiamento inmediato aos mariscadores e mariscadoras durante os períodos de cesamento temporal da actividade.
Respostas innovadoras ante desafíos estruturais
Tras a sinatura dos convenios, os representantes das entidades participaron nunha charla sobre a realidade do sector e os grandes retos aos que se enfronta. Un ano máis expuxéronse cuestións como a renovación da frota, as dificultades da sucesión xeracional, o compromiso coa sostbilidade, os escenarios imprevistos como a baixa produtividade e as taxas de mortalidade, ou o aumento constante dos custos, principalmente relacionados co combustible.
Moitas destas demandas poden ter unha resposta directa cunha das alternativas de financiamento flexible e altamente especializado que o banco acaba de lanzar: a liña de financiamento multidestino para o sector pesqueiro. Trátase dunha solución a medida que permite aos profesionais deste segmento unificar nun só contrato o financiamento máis habitual de circulante co conseguinte aforro de custos, entre o que se inclúe o anticipo de axudas, os gastos de campaña ou o financiamento de seguros contratados en ABANCA. Todo isto nun contexto onde se evidencian as dificultades para cubrir as necesidades operativas diarias, de incremento constante de custos e de dificultades derivadas das pesquerías.
Solucións que se suman a desafíos transversais como a renovación da frota, que permite a mellora da sostibilidade e a eficiencia enerxética no sector. A hipoteca naval emerxe como unha das opcións máis atractivas para afrontar a substitución de embarcacións por outras máis eficientes, respectuosas co medio ambiente e máis seguras para traballar.
O valor da experiencia
O encontro serviu para poñer en valor a experiencia e a oferta altamente especializada de ABANCA Mar. O banco segue de preto a realidade do sector grazas a esta unidade, posta en marcha hai máis dunha década e que é pioneira entre os bancos españois. ABANCA Mar conta cun catálogo deseñado a medida e xestores altamente especializados, o que lle permite ofrecer solucións financeiras, asesoramento e acompañamento a toda a cadea de valor do mundo do mar en procesos de crecemento, internacionalización, innovación e investimento.