ABANCA estrea en Estremadura o seu modelo de oficina máis especializada e centrada no cliente
- A entidade financeira completa a transformación do seu centro de Almendralejo ao novo modelo de oficina que está a estender na súa rede comercial
- Este espazo refórmase integralmente, elimina os despachos para favorecer a transparencia e dá cabida aos últimos desenvolvementos tecnolóxicos
- O banco reforzou a súa capacidade comercial na comunidade logo da recente adquisición da rede de oficinas de Banco Caixa Geral e suma 44 centros en Estremadura
ABANCA multiplica as súas capacidades en Estremadura co despregamento do seu novo modelo de oficina en Almendralejo. Esta concepción vangardista, que por primeira vez chega á rexión, achégase ás necesidades dos clientes e reforza as posibilidades comerciais da entidade financeira. As instalacións recentemente transformadas están emprazadas na rúa Real, 31, xunto a algúns dos principais eixos económicos e sociais da cidade pacense.
Concibida desde cero, a oficina de Almendralejo eliminou os despachos e apostou polos espazos abertos e a transparencia. No seu lugar, a atención comercial lévase en dúas mesas nas que clientes e empregados interactúan ao mesmo nivel e en mobilidade grazas aos terminais Microsoft Surface. Estes espazos complétanse cunha sala de reunións, para aquelas cuestións que requiran unha maior confidencialidade.
A nova oficina de Almendralejo mantén unha vocación dual e acolle tanto a oficina para particulares, como para empresas. Xestores especializados en pemes, negocios, comex, ABANCA Agro, ABANCA Persoal ou ABANCA Privada e un catálogo á medida dos clientes complementan unha oferta adaptada a cada segmento do público estremeño.
Logo da recente integración no Grupo ABANCA de Banco Caixa Geral, a entidade financeira reforzou a súa presenza en Estremadura, ata acadar as 44 oficinas, un 70% delas en municipios de menos de 10.000 habitantes. Esta operación corporativa tamén permitiu sumar equipos e coñecementos, que entenden as necesidades dos particulares e empresas estremeños, e contan con solucións para o sector primario, as empresas con vínculos ao outro lado da fronteira con Portugal ou a xestión de patrimonios.
Transformación da rede comercial
A elección de Almendralejo como primeiro centro de ABANCA que adopta o novo modelo de oficina en Estremadura non é casual e supón a avanzada dun proceso de transformación que se está a abordar en toda a rede comercial de ABANCA y que está previsto que sexa especialmente intenso no vindeiro ano na rexión.
Máis alá dun cambio estético, tamén supón un compromiso claro coas últimas tecnoloxías. Entre a ampla dotación de medios destaca un caixeiro de última xeración que permite, ademais de retiradas, realizar ingresos en firme, pagos de recibos en efectivo e outras operativas con moedas. Adicionalmente, os clientes poderán realizar de maneira autónoma as súas operacións máis habituais se así o estiman, a través dunha rede WIFI gratuíta.
A estratexia de optimización e dixitalización do banco complétase nesta oficina cun posto específico para a atención transaccional e máis concretamente para a operativa de efectivo e as tarefas máis administrativas.