ABANCA facilita financiamento vantaxoso para impulsar o parque empresarial de Baión
- A entidade oferta crédito en condicións especiais ás empresas que se instalen no polígono ‘Vilanova de Arousa I’
ABANCA facilitará financiamento en condicións especiais ás empresas que se instalen no parque empresarial de Baión, localizado no municipio de Vilanova de Arousa. A entidade deseñou unha oferta financeira personalizada e con tarifas reducidas con respecto ao estándar do mercado, co obxectivo de apoiar a posta en marcha de novos proxectos e favorecer o desenvolvemento deste polígono industrial, promovido polo Concello de Vilanova de Arousa.
A directora territorial de ABANCA en Pontevedra, Carmen Fernández Penas, presentou a iniciativa da entidade esta mañá no concello vilanovés, acompañada polo alcalde desta localidade pontevedresa, Gonzalo Durán. Ao acto asistiron tamén o director de Zona Arousa/Salnés de ABANCA, Víctor Manuel Vázquez Saavedra, e o concelleiro de Industria de Promoción Económica de Vilanova de Arousa, Javier Tourís.
Préstamos persoais e hipotecarios
A liña de financiamento presentada pola entidade financeira galega inclúe, entre outros produtos, préstamos persoais e hipotecarios con baixos tipos de xuros e condicións vantaxosas en canto a comisións, así como flexibilidade nos prazos de amortización (ata 10 anos no caso dos préstamos persoais, por exemplo). O crédito poderá destinarse ao financiamento tanto de proxectos de emprendedores que se instalen no parque empresarial de Baión como de novos investimentos neste solo industrial por parte de empresas xa existentes.
A directora territorial de ABANCA en Pontevedra sinalou que con esta oferta financeira, deseñada ad hoc para o polígono de Baión, a primeira entidade financeira galega pretende “apoiar o tecido empresarial facilitándolle crédito nas mellores condicións do mercado”. A través desta liña especial de financiamento tamén contribuímos a impulsar o desenvolvemento económico e a creación de emprego na comarca”, salientou Carmen Fernández Penas.
O rexedor municipal valorou moi positivamente esta colaboración entre o concello e a entidade financeira posto que considera imprescindible para impulsar a implantación de empresas na localidade e na comarca, que existan sinerxias entre todos os axentes interesados, administracións, industrias e a banca. De facto, entre as prioridades do goberno local encóntranse en primeiro lugar, políticas activas de emprego apoiadas nesta idea de traballo conxunto. “A misión básica deste goberno na presente lexislatura é a creación de novos postos de traballo”, manifestou.
Con este fin estase a crear un marco propicio que posibilitará o desenvolvemento de iniciativas empresariais nos polígonos industriais do municipio. Poñendo en contacto ó emprendedor coas distintas administracións, informando e asesorando a través do Centro de Desenvolvemento Local (CDL), tomando medidas como a eliminación de taxas, e facilitando a interlocución coas entidades financeiras cuxa liña de actuación sexa compartir o obxectivo común do desenvolvemento económico local e comarcal.
O parque empresarial ‘Vilanova de Arousa I’ dispón dunha superficie de máis de 300.000 metros cadrados. Está situado na parroquia de Baión, dentro do municipio de Vilanova de Arousa e a poucos quilómetros do centro de Vilagarcía de Arousa e do seu porto. Na actualidade, o polígono ten dispoñibles medio cento de parcelas en solo industrial e terciario, que contan con rebaixas de ata o 35% nos prezos de venda.