ABANCA facilita o acceso ao crédito aos transportistas de Ferquiastur
- O banco e a empresa asturiana asinan un convenio de colaboración que inclúe produtos de financiamento especificamente deseñados para este colectivo
- Os transportistas tamén poderán eliminar as comisións máis habituais a cambio dunha mínima vinculación
ABANCA e Ferquiastur, S.L. veñen de asinar un convenio financeiro co obxectivo de facilitar o acceso ao crédito dos profesionais que exercen a súa actividade nesta empresa.
O xerente de Ferquiastur S.L., Roberto Salgado Pendas, e o director territorial de ABANCA en Asturias e León, Marcos Lamas Seoane, rubricaron hoxe un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial de Asturias.
O convenio facilita que os profesionais que forman parte de Ferquiastur accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Así, os asociados poderán contratar produtos como leasing mobiliario, desconto comercial ou financiamento sen xuros para primas de seguros de camións mediados por ABANCA.
A entidade pon á disposición deste colectivo xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica. Desde as oficinas de ABANCA tamén se facilitará a información relativa ás opcións de financiamento dos convenios oficias asinados co ICO.
Ademais, o documento asinado pon á súa disposición as vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.
Ferquiastur é unha empresa líder no sector de transporte por estrada especializada en mercancía ADR, nacida no 2008. Conta cunha flota de 50 camións e dá servizo a máis de 100 clientes nacionais e internacionais. ABANCA, pola súa parte, é a entidade financeira de referencia no noroeste español, cunha rede de case 700 oficinas e unha clara orientación cara ao tecido empresarial.