ABANCA, FEUGA e as universidades da Coruña e Politécnica de Catalunya inician un proxecto conxunto de investigación sobre seguridade
- As catro entidades desenvolverán un novo modelo de avaliación do risco en oficinas bancarias
ABANCA, a Universidade da Coruña, a Universitat Politécnica de Catalunya, e a Fundación Empresa-Universidade Galega asinaron un convenio de colaboración para a realización dun proxecto de investigación en materia de seguridade nas oficinas bancarias.
O acordo foi subscrito na sede de ABANCA na Coruña polo seu director de Prevención de Perda, Continuidade de Negocio e Seguridade, Roberto Baratta, e o profesor da UDC e director do seu Grupo de Enxeñaría e Dirección de Proxectos, Alfredo del Caño Gochi.
O proxecto ten por obxectivo crear un novo modelo de avaliación de riscos nas oficinas. Sobre a base das políticas que a entidade xa aplica para garantir a súa seguridade, a súa utilización permitirá a ABANCA coñecer o nivel de risco específico de cada unha delas, identificar as súas ameazas e fortalezas, e, se fose necesario, deseñar e aplicar medidas adicionais para anticiparse a posibles riscos.
Método de simulación
No proxecto aplicarase un método de simulación baseado na técnica de avaliación denominada MIVES (Modelo Integrado de Valor para unha Avaliación Sustentable), deseñada polo Grupo de Enxeñaría e Dirección de Proxectos (GRIDP) da Universidade da Coruña. Para a realización dos cálculos relacionados co proxecto farase uso dun software desenvolvido pola Universidade da Coruña e a Universitat Politécnica de Catalunya.