ABANCA finaliza a fusión tecnolóxica, de marca e legal de Banco Caixa Geral
- A entidade completa a integración coa antiga filial española de Caixa Geral de Depósitos, que xa opera baixo a plataforma de ABANCA
- Os máis de 131.000 clientes incorporados poden acceder desde hoxe a todos os produtos e servizos de ABANCA e ás últimas innovacións financeiras
ABANCA finalizou a integración de Banco Caixa Geral, unha vez completados a migración tecnolóxica e o cambio de marca na rede de oficinas. Desde este momento, os máis de 131.000 clientes e o centenar de oficinas da antiga filial en España de Caixa Geral de Depósitos operan, para todos os efectos e con plena normalidade, baixo a plataforma de ABANCA.
Tras a culminación previa da fusión xurídica e contable de ambas as entidades, a integración dos sistemas informáticos desenvolveuse segundo o calendario previsto e sen ningunha incidencia no servizo aos clientes.
A migración tecnolóxica estivo coordinada por de máis de 500 profesionais de ambas as entidades, repartidos en 13 grupos de traballo multidisciplinares. En total, executáronse preto de 2.300 tarefas e tres ensaios para completar a migración á plataforma tecnolóxica de ABANCA de 1.583 millóns de rexistros, 2,5 millóns de contratos, máis de 500 postos de traballo, 88 caixeiros e 2.100 TPV. Durante estes meses desenvolveuse un exhaustivo plan formativo sobre a contorna de traballo de ABANCA, dirixido aos profesionais de Banco Caixa Geral.
En paralelo á migración tecnolóxica, realizouse o cambio de marca nas oficinas de Banco Caixa Geral, que xa teñen a imaxe de ABANCA. O banco cambiou a imaxe exterior e interior dun centenar de oficinas, situadas en dez comunidades autónomas, e colocou preto de 40.000 elementos de marca, entre rótulos, vinilos, folletos e variados soportes de publicidade. A transformación interior destas sucursais completarase nos próximos meses coa implantación progresiva do modelo de atención de ABANCA.
En termos de negocio, ABANCA suma con esta fusión ao redor de 7.000 millóns de euros e un centenar de oficinas repartidas por toda a xeografía española.
A integración de Banco Caixa Geral pon fin a unha operación corporativa iniciada a finais de 2018, cando ABANCA resultou gañadora no proceso de venda desta filial de Caixa Geral de Depósitos impulsado polo Goberno de Portugal.