ABANCA financia a construción do primeiro barco da nova frota de Nueva Pescanova
- A operación reforza as capacidades produtivas da compañía e supón un respaldo á construción naval en Galicia
ABANCA financiará a construción do primeiro dos buques pesqueiros cos que Nueva Pescanova renovará a súa frota nos próximos anos. O banco con sede en Galicia, que tamén está comprometido co futuro de Nueva Pescanova a través da presenza no seu accionariado, financiará en solitario o primeiro barco da nova frota da empresa pesqueira.
A implicación de ABANCA na renovación da frota de Nueva Pescanova enmárcase no apoio da entidade financeira á economía de Galicia, con especial incidencia nos seus sectores clave.
A achega de recursos financeiros para a construción deste primeiro buque supón en primeiro lugar a potenciación das capacidades produtivas de Nueva Pescanova, unha das compañías galegas insignia e referente mundial do sector pesqueiro.
A operación constitúe, ademáis, un importante respaldo para a construción naval en Galicia, xa que o buque será construído integramente na comunidade por Astilleros Armón e a industria auxiliar naval.
Apoio ao sector naval de Galicia
A través da concesión de financiamento, ABANCA está achegando un decidido impulso á reactivación da construción naval en Galicia. Nos pasados exercicios a entidade financiou, entre outras operacións, o primeiro arrastreiro de altura construído en Galicia en máis dunha década, que foi botado en 2017 e xa faena no Cono Sur. Nestes momentos ABANCA participa en 25 novos proxectos de construción de embarcacións para renovación da frota tanto para pequenas e medianas empresas como para grandes grupos.
En total, o financiamento do banco galego ao sector da construción naval (financiamento a estaleiros, armadores, avais, circulante, confirming, créditos documentarios e industria auxiliar) alcanza os 540 millóns de euros. Nos primeiros catro meses de 2018 o financiamento de ABANCA ao sector naval (armador + estaleiro) creceu un 11%.