ABANCA financia a modernización do regadío da comarca ourensá da Limia
- O apoio financeiro do banco, de 34,5 millóns de euros, permitirá á comunidade de regadores Nova Limia completar o investimento necesario para executar o proxecto
- As actuacións previstas contribuirán a aumentar a produción e a rendibilidade das explotacións agrícolas cun consumo máis eficiente de auga e enerxía
ABANCA participará no financiamento do proxecto de modernización da infraestrutura de regadío da comarca ourensá da Limia, unha actuación que contribuirá a impulsar explotacións máis rendibles e sostibles na comarca. O banco formalizou coa comunidade xeral de regadores Nova Limia dúas operacións financeiras por un importe total de 34,5 millóns de euros, necesarias para o desenvolvemento deste proxecto estratéxico para a comarca da Limia, cuxo investimento total ascende a 45,9 millóns de euros, segundo o convenio subscrito pola comunidade de regadores e Sociedade Estatal de Infraestruturas Agrarias (SEIASA).
Para dar resposta ás necesidades deste proxecto, o apoio de ABANCA disponse mediante dúas vías de financiamento con condicións especiais para este sector. Por unha banda, o banco achega financiamento directo á comunidade de regadores a través dunha operación de préstamo e aval bancario e, por outro, ofrece diferentes solucións crediticias adaptadas ás necesidades de cada comuneiro.
A achega do banco permite completar o investimento deste importante proxecto, que está financiado, maioritariamente, con fondos europeos Next Generation a través do Plan para a mellora da eficiencia e a sostibilidade en regadíos, e conta tamén co apoio doutras administracións.
As actuacións previstas cobren unha superficie cultivada (cereal e pataca, fundamentalmente) de 2.576 hectáreas nos municipios ourensáns de Xinzo de Limia, Porqueira, Sarreaus e Trasmiras, que alberga a maior infraestrutura de regadío de Galicia e unha das máis relevantes de España. Beneficiarán a un total de 1.822 comuneiros, pertencentes ás catro comunidades de regadores da zona (San Salvador de Sabucedo, Lamas Ganade, Corno do Monte e Alta Limia), que están integradas na comunidade xeral de regadores Nova Limia.
As obras contemplan a substitución dos actuais sistemas de rega por unha infraestrutura tecnolóxica máis eficiente e respectuosa cos recursos naturais, que permitirá incrementar a a produtividade das explotacións, ademais de reducir o consumo de auga dos acuíferos e obter a enerxía de fontes renovables (placas solares) en lugar de combustibles fósiles. Tamén facilitarán a incorporación de técnicas de abonado menos contaminantes.
Compromiso co sector primario
O director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, destaca que “o financiamento deste proxecto, en cuxa formalización participaron diferentes equipos comerciais e áreas especializadas do banco, pon de relevo o compromiso de ABANCA co rural e o sector primario e coa nosa estratexia de acompañamento aos clientes na súa transición cara a modelos de negocio máis sostibles e, ademais, é un claro exemplo de colaboración público-privada”. Na mesma liña, o director de ABANCA Agro, Jesús Combarro, subliña que “a actuación prevista sen dúbida contribuirá a elevar a rendibilidade das explotacións e a calidade de vida dos agricultores, co resultado final de fixar poboación nunha comarca cun marcado carácter rural e agrario, nunha das provincias máis afectadas polo despoboamento do rural”.
Nesta operación de financiamento foron claves a ampla experiencia e proximidade co mundo do campo que atesoura ABANCA e que canaliza a través da súa unidade especializada ABANCA Agro, ademais da capilaridade da súa rede comercial, que facilita o acceso aos servizos bancarios e contribúe á inclusión financeira.